Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Isabel Rodríguez agradece o labor dos radioafeccionados que colaboran con Protección Civil

Por 27 Febreiro, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, agradeceu hoxe o labor dos radioafeccionados que colaboran con Protección Civil durante o acto de entrega de diplomas concedidos a membros deste colectivo de toda a provincia que forman parte da Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER). No acto, celebrado esta mañá na Subdelegación do Goberno, estiveron presentes catro das once persoas homenaxeadas este ano: Francisco Hermida Platero, José Veiga Méndez, Manuel Pérez Eijo e Luis López Rodríguez.

Isabel Rodríguez expresoulles o recoñecemento “do Goberno e de todos os veciños e veciñas da provincia pola vosa xenerosidade, colaborando de forma altruísta pero, ao mesmo tempo, moi profesional coa Dirección Xeral de Protección Civil”. A este respecto, puxo de relevo a responsabilidade da tarefa e o compromiso coa sociedade posto de manifesto polos integrantes da REMER nas súas actuacións, que poden considerarse un soporte básico para as comunicacións en situacións de emerxencia, ao servizo da seguridade cidadá.

Así mesmo, a subdelegada reivindicou a figura dos radioafeccionados e animou aos premiados a continuar co seu labor a través da Rede Nacional de Radio de Emerxencia, nalgúns casos durante máis de trinta e cinco anos. Ao mesmo tempo, aproveitou para destacar a importancia do servizo de Protección Civil ante calquera situación de crise ou perigo, como a anterior pandemia sanitaria ou mesmo a Guerra en Ucraína, “atendendo ás necesidades da cidadanía”.

O Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Protección Civil, concedeu este ano once diplomas en recoñecemento o labor doutros tantos lucenses que forman parte da Rede Nacional de Radio de Emerxencia, que constitúe unha alternativa ao sistema habitual de comunicacións en casos de emerxencia.

Ata 35 anos de colaboración

Unha das persoas homenaxeadas recibiu o diploma en gratitude por 35 anos de colaboración con Protección Civil. Trátase de Francisco Hermida Platero, de Lugo, que ingresou na REMER en 1987. José Veiga Méndez, veciño de Lugo; Manuel Pérez Eijo, natural de San Cibrao; e Luis López Rodríguez, de Monforte de Lemos, foron recoñecidos polo apoio dado durante 30 anos, pois ingresaron en 1992.

Ademais, aínda que non puideron asistir ao acto, foron concedidos diplomas por 30 anos de servizo a Berta Guerra Rubal, de Mondoñedo; Saturno Sendín López, de Abadín; Luis Roibas Saavedra, de Lugo; Manuel Roibas Saavedra, de Lugo; María Castro Darriba, de Lugo; e Jesús Amor Puga, de Ribadeo. Tamén, por 25 de traballo o veciño de Sarria, José Alvarez Rosa, foi honrado cun diploma.

Na actualidade, a REMER conta coa colaboración de 47 radioafeccionados na provincia de Lugo.