Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación esixe á Xunta que actúe para mellorar a sanidade pública

Por 28 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Pleno, por iniciativa do Grupo Socialista, acordou demandar ao Executivo galego a elaboración dun plan urxente de melloras na Atención Primaria que inclúa o compromiso de dedicarlle o 25% do orzamento sanitario.

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia que atenda as reclamacións da sociedade galega sobre as melloras necesarias na sanidade pública. Así se acordou tras unha moción presentada polo PSdeG no Pleno ordinario do mes de febreiro, que saíu adiante cos votos a favor dos socialistas e do BNG.

A voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembrou que “o pasado 12 de febreiro a sociedade galega saíu á rúa para manifestar o seu desacougo coa situación da sanidade pública”, unha expresión “de rexeitamento, descontento e malestar social”.

García Porto expuxo que os facultativos con sobrecarga de doentes, os responsables dun PAC co cadro de persoal en mínimos, ou os familiares de doentes en listaxes de agarda non se xuntaron na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela para facer política. “A manifestación do día 12 foi un resumo das queixas que se veñen rexistrando nos últimos anos por mor das políticas de recortes e mala xestión do PP”, sinalou, cualificando de “decepcionante” a resposta do Goberno galego. En concreto, apuntou a voceira socialista que o Presidente da Xunta non estivo á altura, utilizando a cita do Cocido de Lalín para esquivar as reclamacións sobre a Sanidade, nun comportamento que tachou de “insolidario e irresponsable”.

No debate, Pilar García Porto defendeu que os socialistas teñen o compromiso “firme e inalterable” de defensa dos servizos públicos e lembrou que “ao longo deste mandato que está a piques de rematar, trouxemos a este Pleno de xeito reiterado iniciativas que recollían as necesidades dos e das cidadáns da nosa provincia”. Puxo como exemplo as mocións presentadas pola falta de pediatras, de déficits na Atención Primaria, de centros sanitarios con consultas pechadas, de persoal sobrecargado de traballo, ou de doentes do rural que non teñen acceso á atención sanitaria na súa vila.

Lamentou que “a estratexia do PP ante a crise sanitaria consiste en dicir que faltan médicos en todas partes porque o Goberno de Pedro Sánchez non convoca prazas de MIR” e explicou que “a convocatoria de prazas MIR de 2023 ten sido a maior da historia, e a evolución histórica demostra que son os gobernos do PP os que recortan prazas”.

Desmentiu que o Sergas estea a convocar o 100% das prazas MIR ás que ten dereito, expoñendo que este ano vai convocar 620 prazas das 725 autorizadas polo Ministerio de Sanidade, e que en total “dende que goberna o PP deixáronse sen convocar 180 prazas de médico de familia”. A Deputada reprochou que no ano 2019 Sanidade xa contaba cun informe no que quedaban de manifesto os principais problemas do modelo de xestión.

Por todo isto, a Deputación de Lugo reclaman agora ao Goberno autonómico a elaboración dun plan urxente de melloras na Atención Primaria que inclúa o compromiso de dedicarlle o 25% do orzamento sanitario tal e como recomenda a OMS; a elaboración doutro plan urxente para a Atención Pediátrica e para reducir as listas de espera;  o compromiso de convocar cada ano o 100% das prazas MIR autorizadas polo Goberno do Estado; a recuperación dos cadros de persoal dos PAC e centros hospitalarios afectados polos recortes; o deseño dunha política de persoal que cubra as baixas; e o fin da política de temporalidade dos profesionais.