Skip to main content
Deportes AMARIÑAXADeportes LUGOXADeportes RIBEIRASACRAXADeportes SARRIAXADeportes TERRACHÁXA

O equipo ciclista Caja Rural Seguros RGA visita a sede de Caixa Rural Galega

Por 23 Febreiro, 2023Sin comentarios

Previo á etapa inicial da proba ciclista O Gran Camiño, que se celebra esta semana en Galicia, o equipo ciclista Caja Rural Seguros RGA visitou a sede de Caixa Rural Galega para recibir os ánimos e apoio do persoal da entidade.

O presidente de Entidade, Manuel Varela, así como o Director Xeral, Jesús Méndez, deron a benvida aos ciclistas a Lugo e a Galicia, agradecendo o detalle de introducir na súa estreita axenda unha visita á sede de Caixa Rural Galega, o que supón para a Entidade unha gran honra e unha enorme satisfacción.

Manuel Varela aproveitou para recoñecer a labor e o mérito duns deportistas que, ademais de levar o nome do Grupo Caja Rural e da compañía aseguradora Seguros RGA pola xeografía nacional e mesmo internacional, levan o esforzo e a entrega a niveis máximos. Nunha distendida charla, desexou moitos ánimos e éxitos nesta proba que trouxo a Galicia aos mellores equipos ciclistas do momento e a corredores da talla de Jonas Vingegaard, gañador do último Tour de Francia.

Para finalizar a visita, o Presidente da Entidade desexoulles unha magnífica estancia en Lugo e en Galicia, onde, aparte de competir, lles animou a gozar do entorno e sobre todo da magnífica gastronomía galega.

A histórica visita de hai algo máis de 35 anos

Buscando nas lembranzas, o equipo ciclista xa visitara a sede de Caixa Rural Galega 35 anos atrás, cando en 1987, o primeiro ano como equipo profesional, o equipo Caja Rural participara na Volta a Galicia.

Aquel histórico Caja Rural contou con lendas do deporte das dúas rodas como Marino Lejarreta, Mathieu Hermans ou Pello Ruiz Cabestany e aportou grandes momentos aos afeccionados á bicicleta dos que, aínda hoxe, moitos gardarán lembranzas. Naquela ocasión, o equipo fora recibido igualmente na sede de Montero Ríos en Lugo polo entón Vicepresidente José Quintás Leal e o que fora Director Xeral Arcadio López Lens.