Skip to main content
A Fonsagrada

O Butelo de Ouro premia a solidariedade das veciñas da Fonsagrada

Por 13 Febreiro, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou  xunto ao alcalde, Carlos López López, na entrega do Butelo de Ouro, que este ano recoñece a 13 mulleres e un home veciños do municipio que voluntariamente ofreceron o seu traballo para elaborar mascarillas durante os primeiros meses da crise sanitaria, chegando a facer 5.000.

José Tomé Roca valorou a importancia deste galardón, que “poucas veces se outorgou con tanto merecemento como nesta ocasión” porque “ás veces esquécesenos que as persoas máis excepcionais e con máis talento son eses veciños e veciñas que viven preto de nós”, sinalou. “Como demostrou a pandemia, a boa veciñanza implica sempre solidariedade, coidar os uns dos outros, acompañar e preocuparse. E iso foi o que fixeron estas 14 persoas, dun xeito exemplar”, resaltou o mandatario provincial.

“A iniciativa destas persoas, que voluntariamente ofreceron o seu traballo para elaborar mascarillas para os seus veciños e veciñas, é unha desas fermosas páxinas de convivencia e de boa veciñanza que nos deixaron aqueles tempos tan tristes”, explicou José Tomé, quen felicitou ao alcalde e ao Concello da Fonsagrada polo traballo e esforzo realizado, e por ter un compromiso cos valores máis importantes da sociedade.

O alcalde, pola súa parte, asegurou que se trata “dun mérito que tiña que ser recoñecido con este premio dos fonsagradinos, que agradece o traballo altruísta da veciñanza”. O Goberno local comprou o material para a elaboración desta protección necesaria aínda hoxe no ámbito
sociosanitario.