Skip to main content
Lugo

Entrevista: “É imprescindible que o festival teña personalidade, unha ideoloxía e identidade propia”

Por 19 Febreiro, 2023Febreiro 20th, 2023Sin comentarios

A Candeloria despediuse no 2019 na que parecía ser a súa última edición, catro anos máis tarde volve cun festival que se celebrará o vindeiro 3 marzo e con actividades de balde dende o día anterior. Falamos con Manu Fernández, director do festival.

Cando nace o festival da Candeloria?

O festival da Candeloria xurde fai case dez anos, mentres estudaba en Santiago nunha noite de troula con Vituco, de Ruxe Ruxe, comentamos como estaba o panorama musical galego en xeral e aí xurdiu un pouco o caldo de cultivo. Despois de comentalo con outra xente naceu a idea de facer algo para poñer a Lugo no panorama festivaleiro galego.

Quen está detrás da organización da Candeloria?

O festival está organizado por unha asociación, que leva o mesmo nome e que naceu para organizar o festival. Eu son o presidente e director do festival pero somos un grupo grande de xente a que estamos dentro da asociación e que traballamos para que o festival sexa posible. Pero non só os membros da asociación senón tanto o equipo de produción como toda a xente que está traballando detrás do escenario, que é un equipo grande, son moi necesarios e sen eles sería imposible facer o festival.

Cales foron as maiores dificultades das primeiras edicións?

Principalmente o pouco apoio, tanto institucional como en xeral. O principio necesitas darte a coñecer e facer valer a túa idea e a túa proposta, que a xente vexa que é factible e a partir de aí si que tes algo máis de axuda. Pero nos primeiros momentos é difícil, aínda que todo cun pouquiño de traballo e de ganas sae cara adiante.

Canto tempo leva preparar un festival destas características?

Este ano cando decidimos volver pois empezamos sete meses antes, pero normalmente case un ano, sobre dez meses antes comezamos xa a traballar. De feito este ano xa estamos traballando no do ano que ben, o idóneo sería traballar a ano vista.

Que diferenza A Candeloria doutros festivais?

O sector dos festivais está tendendo a profesionalización e que sexan empresas as que están detrás dos festivais que soen contar con máis axudas. Nós temos cada un o noso traballo, é un festival que está organizado por unha asociación e non nos lucramos disto, quizais o traballar desde o asociacionismo, a humildade e os poucos recursos si que nos diferencia un pouquiño e nos une máis a festivais como o Castañazo Rock ou Castelo Rock.

Con isto tamén digo que é moi necesaria a profesionalización do sector e que haxa empresas privadas que se podan adicar a iso, penso que ambas podemos convivir y ambas son necesarias. Todos queremos ver bandas grandes as que quizais nós non podemos chegar e encántanos que existan outro tipo de festivais.

Que cambiou dende a última vez que se celebrou A Candeloria?

Cambiou a situación en moitos aspectos, téndese a profesionalización e facer todo con máis seguridade, tamén a que os festivais teñan un nivel técnico maior. Nós tamén nos adaptamos aos tempos, os prezos son moitos máis caros e é mais difícil.

Por sorte a día de hoxe está todo vendido e iso é unha gran sorte. Isto no é unha ciencia matemática, ti as veces intentas facer o festival o mellor posible, cos mellores grupos posibles e estás que non sabes si vas chegar ou non a cubrir o orzamento. Este ano é a primeira vez que contamos con algo de apoio económico institucional.

Cal cree que é o maior atractivo para o público deste festival?

Hai algo que eu sempre digo, que é verdade é fundamental que un festival conte con boas bandas tanto galegas como estatais, non creo que iso sexa o fundamental. Para min é imprescindible que o festival teña personalidade, unha ideoloxía e identidade propias.

Nós somos un festival de esquerdas cunha base de música en galego e con grupos estatais potentes. Queremos que sexa un grao de area para axudar a expandir un pouquiño o galego.

Cal foi o motivo para o parón na celebración do festival?

Ao final organizar un festival ten moito traballo e desgaste tanto físico como emocional e económico, chegou un día no que decidimos que era o momento de parar, cando tomamos a decisión pensamos que ía ser para sempre sinceramente. Este ano iluminóusenos a lámpada, vimos como estaba o situación e o valorar percatámonos que había máis vantaxes que contras e que era o momento adecuado para volver. Está resultando positivo e estamos todos moi contentos e con moitas ganas de que chegue.

A parte do festival, que máis teñen programado para eses días?

Nós dende un primeiro momento intentamos integrar a toda a cidade de Lugo no festival, sempre intentamos facer actividades no centro, algo que algunhas veces non se conseguiu. Este ano volvemos a intentalo e o venres faremos uns cantos de taberna na zona da ponte e a partir das nove da noite estará a Duendeneta na praza da Soidade.

Gústanos moito participar cos veciños da zona da ponte porque si sentimos que están un pouquiño excluídos das actividades culturais en xeral en Lugo, así o sábado haberá tamén unha sesión vermú por esa zona. Estas actividades previas ao festival son de balde.

Que cre que aporta este festival a Lugo e ás bandas que participan?

Ao principio éramos moi ambiciosos con poñer no mapa a Lugo e o final a nivel musical Lugo leva no mapa moitísimos anos, ten un dos mellores festivais de jazz, un dos mellores festivais a nivel estatal de indie pop, unha das salas máis míticas tamén a nivel estatal con música sempre de primeira calidade. Ao final non creo que sexamos nada relevante para Lugo, somos simplemente un gran de area que pode axudar un pouco a cultura galega e lucense.

E no referente ás bandas elas apórtannos a nos, fan sempre un esforzo en vir e temos unha relación marabillosa. Mais que nós aportar a Lugo é Lugo quen nos aporta a nós.