Skip to main content
Lugo

Entrevista: “Creemos que para diferenciarnos é moi importante a formación continuada”

Por 25 Febreiro, 2023Febreiro 27th, 2023Sin comentarios

Federópticos Lukus leva desde 2008 ofrecendo un servizo de prevención da saúde visual e auditiva coa tecnoloxía máis avanzada do sector da óptica, optometría e audioloxía. Recentemente veñen de incorporar un sistema de avaliación visual con tecnoloxía inmersiva chamado WIVI, único na cidade. Falamos con Mari Luz Freije Vilar e Ana López Andón.

Que servizos ofrecen en Lukus Federópticos?

En Federópticos Lukus temos servizos optométricos e auditivos. Nos optométricos ofrecemos revisións completas que inclúen: prescrición óptica, medida da tensión ocular, control do polo anterior do ollo mediante lámpada de fendedura, topografía corneal, control de screening de polo posterior (retina) mediante retinografía e tamén realizamos exames específicos para baixa visión e a correspondente prescrición das axudas visuais.

Tamén ofrecemos servizos máis específicos como adaptación de lentes de contacto brandas para todo tipo de erros refractivos incluso multifocais, lentes de contacto ríxidas, adaptacións especiais como orto-k e esclerais para córneas irregulares (ectasias corneais, queratoconos), exames específicos para control de miopía con seguimento mediante biómetro, exames específicos de ollo seco, exames completos de visión binocular e acomodadizo, tratamento de disfuncións de visión binocular mediante terapia visual ou mediante Wivi.

Na parte de servizos auditivos ofrecemos revisión mediante otoscopio dixital (exploración de canal auditivo e tímpano), timpanometría (para comprobar a mobilidade do tímpano), audiometrías aéreas e óseas, logoaudiometría, adaptación de próteses auditivas, realización de impresión e moldes de protección auditiva.

Cales son os servizos máis demandados polos clientes?

Un exame sobre a súa prescrición e saúde ocular que lles ofreza seguridade á hora de elixir a mellor opción para a súa saúde visual.

Que é o que máis valoran os clientes dunha óptica?

O que máis valoran os clientes é unha atención personalizada para cada paciente e un trato agradable.

Que é o máis importante para a saúde visual?

O máis importante é manter unhas boas normas de hixiene visual pautadas polos profesionais e facer as revisións optométricas e oftalmolóxicas pertinentes.

E da saúde auditiva?

Tamén realizar as revisións adecuadas e protexernos así dos perigos que nos pode ocasionar unha perda auditiva.

Que actividades están a prexudicar a nosa vista?

O noso estilo de vida cambiou totalmente, deberíamos estar durante dúas horas ó día con luz natural e hoxe en día é pouca a xente que pode facelo, ben por traballo, por estudos ou por ocio, que se basea maioritariamente en actividades de visión próxima como portátiles, tabletas, consolas, móbiles etc. Estas actividades están a danar o noso sistema visual provocando un aumento da miopía, ademais cando se realizan este tipo de actividades é moi importante realizar os descansos pertinentes.

A que idade é bo facer unha primeira revisión?

É importante empezar por unha revisión optométrica pediátrica desde os 3 anos para descartar o máis temperá posible grandes erros refractivos que poidan interceder no bo desenvolvemento da visión, ou detectar ambliopías e estrabismos entre outros problemas visuais.

Como de importante é facer revisións e con que periodicidade?

Levar un bo control mediante revisións é moi importante para a prevención dun bo desenvolvemento da visión así como para a detección precoz de moitas patoloxías visuais (glaucomas, DMAE, etc.) como axentes de atención primaria que somos no ámbito da saúde visual. As revisións deben realizarse nos máis pequenos anualmente, podendo chegar a realizarse en adultos cada dous senón teñen antecedentes de enfermidades previas e non teñen signos nin síntomas de alarma.

Cales son os principais problemas da vista?

Erros refractivos sen corrixir, hoxe en día o máis destacado e en auxe é a miopía, que xa está declarada como unha pandemia mundial.

Canto evolucionou a óptica e a optometría nestes últimos anos?

Tivo unha gran evolución grazas á investigación. Apareceu un gran crecemento en novos deseños de lentes máis adaptadas para o mundo dixital, novos tratamentos para o control da miopía, novos instrumentos máis fiables, etc.

Que os diferencia doutras ópticas?

Creemos que para diferenciarnos é moi importante a formación continuada para poder aplicar os novos coñecementos e poder ofrecer ós nosos pacientes os tratamentos máis efectivos en cada momento. Tamén nos parece moi importante ter os instrumentos adecuados para poder levar a cabo os exames da forma máis precisa posible. De feito acabamos de incorporar WIVI un novo produto inmersivo baseado na visualización 3D que permite de forma cómoda, rápida ( menos de 20 min) e con plena liberdade, avaliar as capacidades do sistema visual, así como o deseño e aplicación do tratamento por medio dun adestramento adecuado da visión para a mellora e estandarización desta.