Skip to main content
Lugo

O CD Lugo conta con novo adestrador

Por 1 Febreiro, 2023Febreiro 2nd, 2023Sin comentarios

O CD Lugo anuncia a incorporación de Joan Carrillo como novo técnico do primeiro equipo. Carrillo chega ao CD Lugo tras unha traxectoria en clubs como o RCD Espanyol, Videoton, VDE Almería ou Wisla Cracovia entre outros. Carrillo dirixirá hoxe a súa primeira sesión no Ceao, en horario de mañá, e será presentado ante os medios de comunicación o xoves.

O novo adestrador chega ao Club Deportivo Lugo despois dunha profunda revolución nas súas filas no día de onte tras os malos resultados dos últimos dous meses. Así, a primeira medida foi o cese de Fran Justo como adestrador do primeiro equipo tras a última derrota en Albacete.

O ourensán Fran Justo chegou a Lugo o 24 de novembro dende o CD Arenteiro e marcha cun balance de dúas vitorias, un empate e seis derrotas deixando ao Lugo penúltimo a cinco puntos da permanencia. Foi chamado fai pouco máis de dous meses para substuír a Hernán Pérez Cuesta.

Tras a noticia do cese de Fran Justo, Carlos Pita anunciou que deixa de ser o director do Lugo tras chegar a un acordo co club para finalizar a súa vinculación profesional. Pita, que mudou as botas e o céspede polos despachos do Anxo Carro pon fin a súa etapa no Club Deportivo Lugo.

Os cambios do equipo lucense chegan tamén ata a bancada, así o club chegou a un acordo co Cádiz CF para o traspaso de Chris Ramos no día do peche do mercado de fichaxes. O dianteiro marcha de Lugo como máximo goleador do equipo.

Non todo son saídas para o CD Lugo que incorpora a Andoni López como novo xogador para o que resta de tempada. Andoni chega para reforzar a banda esquerda e sumar potencial ao equipo.