Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo incorpora unha hora sen cita previa na atención cidadá

Por 7 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Lugo reorganiza a atención cidadá para incluír un horario de acceso libre a partir da unha do mediodía que se combinará, nun modelo mixto, co mantemento da cita previa entre as 09:00 e as 13:00 horas.

A determinación da rexedora obedece á necesidade de dar resposta a colectivos, entre eles o das persoas maiores, que teñen menos competencias dixitais.

“O obxectivo é favorecer ao máximo as relacións entre Administración e administrados e nas mellores condicións posibles para que unha boa organización interna reverta nunha resposta áxil, ordenada e sen esperas dos diferentes servizos municipais. Para iso poremos á disposición da poboación todos os mecanismos existentes que faciliten esa relación, tratando de que ninguén se sinta excluído do sistema”, sinalou a rexedora.

Deste xeito e, tal e como xa se viña facendo até o momento, os e as usuarias poderán seguir concertando unha cita ben a través da web do Concello, do teléfono ou, de forma presencial, solicitando a axuda do persoal de conserxería para que lla tramite de forma instantánea; pero tamén se establecerá a partir de agora unha franxa horaria concreta – entre as 13:00 e as 14:00 horas – para que, quen así o desexe, poida achegarse ás dependencias a realizar as súas consultas sen telo solicitado con anterioridade”, explicou Méndez.

Dende a pandemia, o Concello de Lugo mantén habilitado un sistema de cita previa para os servizos de Augas, Cemiterio, Estatística, OMIC (Información ao Consumidor), Rexistro, Tarxeta Cidadá e Tesourería, que concentran unha maior carga de atención ao público e que se considera conveniente manter para dar servizo a aquelas persoas ás que lles resulte máis resolutivo concertar unha hora específica para realizar as súas consultas sen ter que agardar cola.

Cómpre sinalar tamén que, exceptuando áreas específicas, como pode ser o Rexistro Xeral e, en momentos puntuais, o habitual é dispoñer sempre de franxas horarias suficientes que dean resposta á demanda existente.

Pola contra, outros departamentos como Enxeñería, Facenda, Patrimonio, Arquivo etc, con menor carga de atención ao público, reciben á cidadanía de xeito inmediato. Un proceder que seguirá en vigor, ao igual que a metodoloxía establecida nas áreas de Urbanismo e Arquitectura nas que, ante a necesidade de aclarar dúbidas moi concretas, relacionadas con expedientes específicos, é preciso ter coñecemento de antemán de cada un deles antes de concertar a vez, para poder revisar toda a documentación co obxectivo de ser o máis eficaz posible na resposta que se dea.

Por outra banda, a alcaldesa lucense avanzou tamén que esta mañá tivo un encontro coas anteriores traballadoras do 010, que serán readmitidas polo Concello, para abordar con elas os termos da súa próxima incorporación como persoal laboral indefinido da Administración local, onde exercerán as mesmas funcións que tiñan anteriormente e nas mesmas condicións – en xornada de mañá e tarde – para o que será preciso realizar unha modificación puntual da RPT.

Tendo en conta isto, a alcaldesa deu tamén indicacións para que o novo contrato de atención telefónica no que se está a traballar se redimensione en función da incorporación destas catro persoas.