Skip to main content
Lugo

A Deputación entrega 25 hortos urbanos do río Rato a novos usuarios e usuarias

Por 11 Febreiro, 2023Febreiro 12th, 2023Sin comentarios

Usuarios e usuarias recibiron 25 novos hortos urbanos  situados no paseo do río Rato, os terreos, de 30ms 2 cada un, foron concedidos a través dun proceso de competencia competitiva no que se primaron criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social.

As autoridades entregáronlle aos adxudicatarios unha carpeta coa documentación da parcela, xunto con material de traballo, como guantes e ferramentas de labranza, e plantas de horta. Os usuarios e usuarias teñen á súa disposición un servizo de dinamización dos hortos, con asesoramento semanal en diversos temas para un mellor aproveitamento da terra.

Tomé Roca agradeceu  que se sumen “a este proxecto tan interesante que temos en marcha na Deputación de Lugo, contribuíndo ao obxectivo para o que está pensado: que a veciñanza, entidades e centros de ensino lle saquen partido a estes terreos públicos cunha actividade de lecer, social e mesmo educativa, que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica e o coidado do medio ambiente”

“Agora mesmo temos practicamente todos os hortos ocupados, polo que é unha satisfacción ver o ben que funciona esta iniciativa e o moito que a desfrutan os veciños e as veciñas”, indicou. “Trátase dun proxecto que forma parte da ampla acción que impulsamos dende a Deputación para fomentar o coñecemento e a posta en valor do territorio, en concreto das Reservas da Biosfera, das que a nosa provincia é o máximo expoñente en Galicia, como fórmula para favorecer o desenvolvemento sostible a través de iniciativas que aproveiten a riqueza natural coa que temos a sorte de contar, tanto no eido do sector primario, como do turístico”, sentenciou Tomé Roca.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou que “este proxecto vai da man coas políticas municipais que estamos a impulsar, cunha estratexia verde de cidade moi clara, que deseñamos xa no mandato pasado co obxectivo de mellorar a vida da veciñanza lucense, fomentando entre outras accións, o uso responsable e sostible dos espazos públicos e potenciando hábitos saudables entre os cidadáns”.

Lembrou que o Concello de Lugo tamén ten á disposición da cidadanía hortos urbanos no Parque dos Paxariños, e que se crearán, coa estratexia LIFE, 12.600 m² de novos espazos verdes na Garaballa con hortos urbanos innovadores, que compartirán usos lúdicos, agrícolas e ecolóxicos. Neste senso, aplaudiu o proxecto de hortos da Deputación xa que “nestes espazos, máis aló de producir alimentos para o día a día, os seus froitos oriéntanse tamén cara a transición ecolóxica e á integración social, xa que se converten en zonas de encontro, reflexión e activación do tecido social con intercambio de experiencias, coñecementos e opinións que axudan a enriquecer a convivencia veciñal”.

A Deputación de Lugo conta con 150 no Paseo do Rato, tras a remodelación integral destes terreos públicos. Esta mellora supuxo un investimento preto de 80.000 euros, co que se instalou un sistema de rega que dá acceso á auga dende todas as parcelas, composteiros para traballos de autoabastecemento ou a mellora do firme da terra e os accesos.

A estas melloras sumouse tamén a instalación de peches perimetrais de madeira e os traballos de roza e poda, realizando melloras silvícolas para propiciar o máis óptimo rendemento da terra. Tamén se habilitaron zonas de cultivo específicas para escolares e para persoas con mobilidade reducida, instaláronse paneis informativos e incorporouse mobiliario urbano, como mesas e bancos.