Skip to main content
Lugo

Mundo Prestigio abre a programación do Lugo Cultural en 2023

Por 13 Febreiro, 2023Sin comentarios

Este mércores 15 de febreiro o auditorio da Facultrade de Veterinaria acolle a partir das 20.30 o concerto do grupo vigués Mundo Prestigio, un cuarteto nado en 2019 trala reconversión de Jay, unha banda de noise rock integrada por Ju, Brais, Fiz e Fer, que outrora xa foran compoñentes doutras formacións como Disco las Palmeras!, Dois ou Seda.

O concerto será a actuación de apertura do programa Lubicán, un ciclo organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.

Impulsados por novas inquedanzas musicais, cimentadas sobre a técnica do sampling e cunha clara dirección cara ao hip hop, Mundo Prestigio responde ao novo proxecto dos catro integrantes desta banda por facer borrón e conta nova para avanzar nunha nova
empresa artística que avanza a cabalo dunha banda e un grupo de produtores.

As cancións de Mundo Prestigio están inspiradas no soul e o funk, ao tempo que seguen unha estela que se aproxima cada vez máis á chamada música urbana. Mundo Prestigio replica pois un esquema previamente reproducido por algunhas formacións das que recollen influencias, tal e como poden ser The Avalanches e Badbadnotgood, unha herdanza musical do século pasado que agora estes vigueses trasladan ao contexto moderno.