Skip to main content
Lugo

Medio Ambiente intensifica o control de estorniños ante o incremento de exemplares

Por 15 Febreiro, 2023Sin comentarios

Ante o aumento de estorniños detectados no centro da cidade nas últimas semanas desde Medio Ambiente activouse unha nova campaña, dentro do labor ordinario que se realiza durante todo o ano, para vixiar o seu asentamento ata ter controlada á poboación.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de área, Miguel Fernández, explicou que as zonas máis afectadas están a ser, nestes momentos, a Deputación Provincial, “onde se calculou que podería haber en torno aos 3.000 exemplares pero que logo dos labores de disuasión diminuíron até os 200”, así como na rúa da Raíña, no Museo, na Praza Maior e nos xardíns de San Roque, “localizacións nas que intentan asentarse de forma preferente para establecer os seus durmideiros primarios”.

Sen embargo, as medidas de supervisión alcanzaron outros enclaves como o Parque de Frigsa (500 aves), a Praza do Rei (100 aves) ou a Avenida de Madrid (50 aves) onde a empresa especializada realiza tamén traballos de disuasión.

As actuacións levadas a cabo responden ás demandas trasladadas pola cidadanía, dando conta das molestias nas que deriva a presenza masiva destas aves.

Así, especialmente entre 18.15 e as 01.30 horas do día, estanse a realizar tarefas intensivas para as que se empregan sistemas de sons de alarma fixos e móbiles ademais doutras técnicas complementarias, variando as metodoloxías segundo as necesidades do servizo – e tendo en conta que os estorniños tamén buscan ubicacións alternativas – ata minimizar a niveis recomendados a súa estancia.

Fernández explicou que o incremento de exemplares vén motivada polos seus movementos migratorios naturais, logo da época reprodutora, e modulada tamén por factores climatolóxicos como é o caso das temperaturas e insistiu en que as medidas utilizadas foron unicamente dirixidas ao estorniño negro e pinto, poboación diana da actuación.

O edil anunciou que o dispositivo continuará nas próximas xornadas para evitar que regresen a estes enclaves e aumente o tamaño das colonias, ao tempo que animou á poboación a trasladar a área de Medio Ambiente, ben a través do número de teléfono, ben da aplicación Liña Verde, avisos sobre a detección de novos durmideiros “que serán atendidos inmediatamente pola empresa adxudicataria dos traballos para valorar a magnitude do asentamento e tomar as medidas necesarias para afastalos da contorna urbana garantindo o benestar animal pero tamén a convivencia veciñal”, concluíu Miguel Fernández.