
Comezan as obras de renovación da cuberta translúcida do Museo Provincial de Lugo, unha actuación coa que se substituirán as placas de policarbonato que cubren a sala dos mosaicos de Armañá e os corredores que conducen á Sala de Exposicións.
O obxectivo dos traballos é mellorar a impermeabilización desta cuberta, instalada nas obras de reforma e ampliación realizadas no Museo Provincial de Lugo nos anos noventa e na que se detectaran filtracións. A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro explicou “que se trata dunha actuación coa que seguimos realizando melloras tanto en elementos construtivos como de musealización nun edificio como o Museo Provincial de Lugo, que ademais de ser un referente no estudo e conservación do patrimonio, ten a consideración de Ben de Interese Cultural, o que conleva unha tramitación e autorizacións específicas”.
As obras continuarán ata completar a substitución de todos os paneis, que mellorará tamén a luminosidade deste espazo que, ademais dos mosaicos da Armañá, acolle diversas mostras de escultura romana dos ss. I ao IV d.C. Entre outras actuacións, nos últimos meses realizouse unha intervención de conservación e limpeza nos museos de Armañá, a renovación e actualización das vitrinas de medallística e a renovación e revisión do estado de conservación das obras da sección de gravado.