Skip to main content
A PontenovaCospeitoLugoTaboada

O Ministerio de Cultura e Deporte promove en Lugo 4 encontros literarios na Secundaria

Por 19 Febreiro, 2023Sin comentarios

Este programa promove os encontros directos entre os e as autoras coa poboación escolar fomentando o coñecemento da obra e o intercambio de experiencias co alumnado.

O Ministerio de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, pon en marcha unha nova edición do programa de actividades literarias en Institutos de Ensino Secundario, que permitirá o contacto directo dos autores e autoras co alumnado.

Este programa enmárcase no Plan de Fomento da Lectura 2021-2024 e ten máis de dúas décadas de existencia. Nesta edición, o Ministerio promove 18 actividades en Galicia: 10 en centros da Coruña; 4 encontros en centros da provincia de Lugo; 1, en Ourense e 3, na provincia de Pontevedra. Nesta ocasión todos os encontros serán presenciais.

Hai que destacar que, dos 18 encontros, 13 serán protagonizados por mulleres e 5, por autores homes. En canto aos xéneros literarios que cubrirán, 9 son de narrativa, 4 de poesía, 4 de ensaio e 1 de ilustración. Son os centros educativos os que proponen o encontro, e o Ministerio, una vez aceptada a solicitude, asume o custo económico derivado do mesmo.

O obxectivo desta iniciativa é achegar aos mozos á lectura de calidade e, ao mesmo tempo, contribuír a difundir a obra e a actividade creadora dos nosos autores. Os alumnos teñen a oportunidade de coñecer de preto o traballo de narradores, poetas, dramaturgos, ilustradores ou tradutores, e estes, tomar o pulso dos intereses dos lectores e das lectoras máis novas.

Actividades repartidas por toda a xeografía española

O Ministerio de Cultura aprobou nesta edición do programa de encontros literarios un total de 275 actividades lectoras, que se celebran en España e tamén en Marrocos. 

O programa conta con dous tipos de actividades distintas. Por unha banda, os Encontros literarios, onde o autor ou a autora, propostos polo centro, falan sobre a súa obra e o seu proceso creativo, mantendo un diálogo aberto cos e coas estudantes. Estes serán os encontros que se celebrarán en Galicia. Por outra, Por que ler aos clásicos, onde os autores poñen o centro de atención da actividade programada na obra ou a figura dun autor ou autora cuxa transcendencia vai máis aló dun período histórico ou unha corrente literaria concretos.