Skip to main content
Lugo

Unha nova máquina de vapor de alta presión intensificará a limpeza das rúas

Por 20 Febreiro, 2023Febreiro 22nd, 2023Sin comentarios

Hoxe tivo lugar a presentación dunha nova máquina de vapor que incorporará o servizo de limpeza e recollida de residuos da cidade, LuceLugo, para mellorar e incrementar a limpeza viaria e do mobiliario urbano. “Trátase dunha máquina autónoma que traballa con auga quente e fría segundo a superficie, que intensificará as actuais labores de aseo de Lugo tanto nas rúas como en todo o mobiliario urbano”, subliñou a rexedora.

Lara Méndez explicou que conta cunha tecnoloxía patentada especial de vapor a alta presión –250 bares– con 2 caldeiras. Neste senso, ten a capacidade de desenvolver unha profunda limpeza das rúas e de eliminar múltiples elementos como pintadas, chicles e residuos de animais; alcatrán, pegamento, resina e cola; carteis, adhesivos ou verniz; xiz, rotuladores, lapis e bolígrafos; algas, mofo, cal, sal e silicona; cera de velas despois de procesións; manchas negras de pneumáticos de coches, carretillas ou camións; manchas de bebidas, comidas, restos de mercadillos; gasoil, aceite e graxa, po de freos ou feluxe; malas herbas, musgo ou fungos, entre outros.

“Coa incorporación desta máquina seguimos mellorando as prestacións do servizo para intensificar a limpeza da cidade, dotándonos de ferramentas e tecnoloxía punteira para que Lugo luza a súa mellor imaxe”, engadiu a alcaldesa.

En comparación con outras máquinas, ofrece un 25% máis de presión en vapor (ata 250 Bar), un 35% máis de volume de vapor 17400L/min e un 35% máis de rendemento na man de obra, cun aforro do 65% de auga. Así mesmo, permitirá un aforro aproximado dun 93% de produtos químicos e terá capacidade para eliminar ata 2.400 chicles por hora.

“O feito de empregar vapor a alta temperatura permite eliminar pintadas sen necesidade de empregar produtos químicos” apuntou o edil de Medio Ambiente, quen subliñou que “tamén sirve para limpar o verdín das pedras, entre outros múltiples usos”.