Skip to main content
Lugo

A situación actual da agricultura ecolóxica en Galicia a debate nos ‘Encontros de Lúa Chea’

Por 22 Febreiro, 2023Sin comentarios

Encontros de Lúa Chea celebra unha nova edición mañá mércores 23 de febreiro ás 19.30 na cafetería da EPS de Enxeñaría baixo o título A agricultura ecolóxica en Galicia: como estamos? 

A situación actual da agricultura ecolóxica en Galicia centra a temática desta primeira sesión dos Encontros de Lúa Chea, un programa de análise e debate informal promovido pola plataforma Proxéctate en Galego que abre a súa novena edición co coloquio  no que intervirán como relatores o profesor da área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC Bernardo Valdês, e a propietaria de Granxa Ameixeira e membro da Plataforma de Produtores e Produtoras de Ecolóxico de Galicia (Proecogal).

A temática escollida para esta primeira sesión dos Encontros de Lúa Chea 2023, un ciclo incluído por vez primeira na programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, responde á necesidade de responder ás preocupacións da cidadanía respecto da calidade da da sustentabilidade dos alimentos, ademais de afondar sobre as potencialidades que a produción ecolóxica ten en Galicia, así como sobre as pexas que lastran o seu
crecemento.

A UE estabeleceu como unha das recomendacións do Pacto Verde chegar ao 2030 cun 25% de superficie agraria certificada en ecolóxico, nun contexto no que a demanda de produtos certificados vén medrando de forma continuada e importante nas últimas
décadas, mesmo nos anos máis duros da crise ou da pandemia.

Diante desta realidade, cómpre preguntarse se os produtores agrarios de Galicia están preparados para o reto de abastecer un mercado en alza ou se, pola contra, o futuro pasa por continuar importando cantidades crecentes de alimentos ecolóxicos producidos noutras áreas.

Ao fío desta dicotomía, este Encontro de Lúa Chea entrará tamén a analizar o descontento manifestado polos produtores certificados excluídos das axudas na convocatoria realizada pola Xunta no ano 2022, unha realidade que dá pé a debater sobre si é suficiente o apoio das institucións públicas o desenvolvemento deste tipo de explotacións.