Skip to main content
Lugo

A volta ciclista ‘O Gran Camiño’ inicia a primeira etapa mañá en Lugo

Por 22 Febreiro, 2023Febreiro 23rd, 2023Sin comentarios

Lugo será o punto de inicio da volta ciclista profesional O Gran Camiño, que por segundo ano traerá a Galicia o mellor ciclismo internacional. A primeira etapa da volta ciclista profesional a Galiza celebrarase mañá xoves 23 de febreiro. O pelotón, con máis dun cento de corredores dos mellores equipos internacionais, partirá de Lugo cunha volta simbólica a Muralla, e pasará por Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Bóveda, O Incio ou Samos, para rematar en Sarria, que acolle por segundo ano consecutivo a meta da proba.

Efrén Castro valorou “o paso dos ciclistas por distintas localidades, comezando no centro histórico de Lugo, e pasando polas rúas de vilas como Portomarín, Taboada, Chantada, Escairón, Monforte, Bóveda, A Cruz do Incio, Samos e Sarria” e convidou “á veciñanza a aproveitar a ocasión para desfrutar en vivo do espéctaculo do ciclismo”.

O Gran Camiño mobilizará máis de 700 persoas entre corredores, membros dos diferentes equipos e persoal da organización. A proba, que continuará nos tres días con etapas nas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, retransmitirase en Eurosport e na TVG.

Dende o Concello de Lugo informa de que, durante a mañá dxoves quedará restrinxida a circulación no tramo da Rolda da Muralla comprendido entre a porta Bispo Odoario e a porta de Santiago co obxectivo de facilitar o desenvolvemento desta proba ciclista.

O inicio da carreira, que terá lugar ás 10.25 horas dende a praza de Pío XII, obrigará a cortar o tráfico dende as 07.00 até as 12.00 horas non só ao redor da Muralla, senón que tamén as rúas do Carme e Santiago permanecerán totalmente pechadas para o tránsito rodado, incluído o transporte urbano, xa que estas vías se reservan para o estacionamento dos camións e vehículos de apoio que precisa a competición deportiva.