Skip to main content
Lugo

O BNG propón á Xunta que destine o orzamento da Rolda Leste ao barrio da Tinería

Por 22 Febreiro, 2023Febreiro 23rd, 2023Sin comentarios

O BNG propón ao goberno da Xunta de Galiza que utilice os preto de 20 millóns orzamentados para a Rolda Leste na rehabilitación do barrio da Tinería. Arroxo afirmou que “desde a Xunta de Galiza teñen unha oportunidade de saldar unha débeda que o goberno do PP asumiu cando chegou ao poder no 2009”, e engadiu “trasladando o orzamento que gardan para a rolda Leste neste ano, o barrio da Tinería poderá avanzar e poñerse ao nivel que merece como zona histórica da cidade, e o goberno galego pode buscar un trazado alternativo para a Rolda Leste, que non implique destruír unha das zonas verdes máis importantes da cidade”.

“O 90% dos investimentos do barrio da Tinería executáronse nos anos nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno, con máis de 20 millóns de euros investidos no barrio”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “desde o 2001, os distintos gobernos do PP executaron en 18 anos menos do 10% do total”. “Toda a veciñanza de Lugo pode ver como o barrio da Tinería leva igual desde o 2009, mentres que o BNG conseguiu un recoñecemento da ONU para o proxecto de renovación deste barrio, o PP déixanos un pazo que data de hai máis de 1.000 anos apuntalado”.

Arroxo afirmou que “a recuperación da UI-8, na que se ubica o Pazo de Dona Urraca, estaba adxudicada a comezos de 2009”, e engadiu “ao chegar o PP ao goberno galego, renunciaron á execución e tiveron que indemnizar á empresa adxudicataria das obras”. Segundo Arroxo, “se o PP seguira investindo na recuperación da Tinería do mesmo xeito que fixo o BNG cando tivo responsabilidades no goberno galego, hoxe este barrio sería un modelo para Lugo”.

“Durante os últimos anos, desde o BNG impulsamos emendas aos orzamentos da Xunta reclamando que se retomara este proxecto”, lembrou Rubén Arroxo, que engadiu “Lugo non pode agardar mais, o barrio da Tinería está chamado a ser unha das zonas máis importantes da cidade, mais vemos como 13 anos despois continúa en ruínas”

 Proxecto de rehabilitación da Tinería

O proxecto impulsado polo BNG desde o goberno galego foi recoñecido do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas no ano 2008. Valorouse o proxecto de recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, xunto coa rehabilitación e rehabitación dun barrio a carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

As excavacións arqueolóxicas na Unidade de Intervención UI-7, onde se atoparon fornos, paralizáronse coa chegada do Partido Popular ao goberno da Xunta. Actualmente, o espazo dos fornos está valado cun peche metálico que produce un importante impacto visual no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade, unha zona que podería ser un centro de investigación e un polo de atracción de visitantes para a cidade.

Trazado actual da Rolda Leste

O actual trazado da Rolda Leste afectará aproximadamente a 1 km de carballeiras no entorno do río Rato, o que suporá unha afectación severa á periferia da cidade de Lugo. A Xunta pretende a construción deste vial con 2,8 km entre a LU-530 e a N-VI. Esta infraestrutura, que contará con dúas calzadas de dous carrís, con mediana de separación entre eles e importantes estruturas na execución do seu percorrido, afectará ás carballeiras do río Rato e tamén á parroquia de Bosende.

Preténdese pechar un cinto de circunvalación de Lugo que, en moitos casos, duplicará os actuais accesos cara ao hospital Lucus Augusti. O obxectivo é aprobar na primavera de 2023 o expediente de información pública e o proxecto de trazado, convocar no outono os actos expropiatorios, e ao tempo traballar no proxecto de construcción para, finalmente, proceder á licitación das obras da Rolda Leste.

O BNG iniciou unha campaña informativa para reclamar á Xunta que modifique o trazado, garantindo que se manteña a contorna do Rato, parte do cinto verde de Lugo.