Skip to main content
Lugo

O PP denuncia unha multa ao Concello pola falta de limpeza do depósito da auga

Por 27 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular denuncia que “o Concello de Lugo vén de asumir o pago pola comisión dunha infracción grave en materia sanitaria despois de que a Consellería de Sanidade detectase ata 7 incumprimentos legais en materia de control da calidade da auga para consumo humano, que o goberno de Lara Méndez recoñece no decreto de pago da sanción”.

Antonio Ameijide explica que “a Consellería de Sanidade realizou unha inspección do depósito de auga potable do Ceao o 25 de abril de 2022 (inspección ratificada ao día seguinte nunha nova inspección), revisión que deixou como conclusión que este depósito se atopa nun deficiente estado de conservación”.

Dende o Partido Popular declaran ademais que “non se realizaron limpezas e traballos de desinfección do depósito dende o ano 2014, non existen rexistros nin análises organolépticos de control desinfectante residual e de PH na rede de Lugo dende o ano 2018, que oConcello de Lugo non dispón do PAX (Protocolo de Autocontrol e Xestión de abastecemento) e a información que consta no SINAC non está actualizada”.

“En total, ata 7 incumprimentos legais en materia sanitaria, recoñecidos polo propio Concello de Lugo, tal e como figura no decreto asinado o 14 de febreiro deste ano” declaran dende o Partido Popular que tamén resaltan que son “unhas deficiencias que supoñen unha multa de 4.005,07 euros e ademais graves riscos para a saúde dos lucenses xa que se trata do depósito que abastece a todo o polígono do Ceao”.

Antonio Ameijide reitera “unha das grandes reivindicacións do Partido Popular dende hai varios anos é a renovación da rede de abastecemento do propio polígono para evitar os problemas de presión de auga do polígono que, no seu momento, puxeron en serias dificultades aos bombeiros de Lugo para poder extinguir as lapas do citado incendio”.