Skip to main content
Lugo

O Vello Cárcere acolle unha semana de cine para reivindicar o traballo creativo das mulleres

Por 28 Febreiro, 2023Sin comentarios

O auditorio do Vello Cárcere acollerá, dende este xoves, 2 de marzo, ata o vindeiro domingo, día 12, unha semana de cine para visibilizar e reivindicar o traballo creativo das mulleres no audiovisual. O ciclo Mulleres Atlánticas: Unha mirada en feminino está promovido polo Concello e organizado pola Asociación Cultural Valle-Inclán, como parte da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, que acolle o municipio lucense ao longo deste ano.

A alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que “a visión cinematográfica feminina segue a ser minoritaria dentro da industria e, en moitos casos, unha gran descoñecida para o público, motivo polo cal, este tipo de iniciativas seguen a ser fundamentais para poñer en valor e dar a coñecer o traballo creativo das mulleres neste ámbito artístico”.

“Así mesmo, a organización deste ciclo enmárcase nas actividades programadas con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebrará o vindeiro 8 de marzo, e incluirá a proxección de seis películas dirixidas por mulleres de Galicia e Portugal, en torno as cales se abrirá un debate sobre as achegas femininas na industria do cine”, engadiu a rexedora.

O día da inauguración, a partir das 20.00 horas, celebrarase a conferencia XXI, o século das cineastas, a cargo da produtora e directora cinematográfica ferrolá, Chelo Loureiro, especializada en cinema de animación. Esta activista pertence a CIMA (Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais),  que fomenta a presenza equitativa das mulleres na creación e nos medios audiovisuais, para conseguir unha sociedade máis igualitaria e diversa. Fundou a produtora Abano Producións en 2007 e foi gañadora de tres premios Goya, o último este ano coa obra Unicorn Wars. A conferencia estará presentada por Pilar Martínez Conde, máis coñecida como Pilocha, unha das grandes voces da canción galega.

Todas as proxeccións terán lugar ás 20:00 horas, agás a do venres, 10 de marzo, que será ás 18.00 horas. O acceso será libre e totalmente de balde, ata completar o aforo do auditorio do Vello Cárcere. Toda a información sobre esta iniciativa, así como do resto de eventos e actividades da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse na web: www.lugocapitaldacultura.com onde se irá actualizando a programación.

Programación

  • Xoves, 2 de marzo, ás 20.00h: Conferencia: XXI, o século das cineastas, con Chelo Loureiro.
  • Luns, 6 de marzo, ás 20.00h: A illa das mentiras, de Paula Cons. (Galicia)
  • Martes, 7 de marzo, ás 20.00h: Capitães de abril, de Maria de Medeiros. (Portugal)
  • Xoves, 9 de marzo, ás 20.00h: A vingança de uma muller, de Rita Acevedo Gomes. (Portugal)
  • Venres, 10 de marzo, ás 18.00h: Valentina, de Chelo Loureiro. (Galicia)
  • Sábado 11 de marzo ás 20.00h: A Metamorfose dos Pássaros, de Catarina Vasconcelos. (Portugal)
  • Domingo, 12 de marzo, ás 20.00h: Tralas luces, de Sandra Sánchez. (Galicia)