Skip to main content
Axenda CaducadaQuiroga

O día previo á Feira do Viño de Quiroga poñerase de manifesto a viticultura heroica

Por 24 Febreiro, 2023Febreiro 25th, 2023Sin comentarios

Continúan as reunións da comisión organizadora para o avance da XLI edición da Feira do Viño de Quiroga, que terá lugar o 8 e 9 de abril.

A novidade anunciada polo coordinador da parte vitivinícola, Pablo González, centrarase na xornada anterior ao fin de semana da feira, o venres día 7 de abril, no que se poñerá de manifesto a viticultura heroica.

Pola mañá haberá unha mesa redonda aberta, onde se falará sobre este tipo de viticultura.

O embaixador do Cervin (Centro de Investigación, Estudio, Salvaguarda, Coordinación y Valorización de la Viticultura de Montaña) en Canarias, adegueiros das Illas Canarias e o adegueiro Pablo González, en representación da Ribeira Sacra, presentarán a forza, a tenacidade e a paixón con que os viticultores traballan nas zonas que producen ‘Vins Extremes’, onde as condicións para producir viño son unha “loita continua”, explican.

Pola tarde, haberá un ‘Tunel do Viño’, como matiza Pablo González. Trátase dunha exposición de viños de varias rexións no que ademais de ver os viños poderanse probar.

Para elo, contarase cos alumnos do ciclo formativo de Servizos da Escola Belarmino Fernández Iglesias de Sober, que farán as funcións de sumiller e expertos catadores realizarán unha cata a cegas con algúns dos viños participantes neste Túnel do Viño.