Skip to main content
A Pobra do BrollónLugo

Cordadas, un xogo de alpinismo e escalada en galego creado por María Yáñez, máis coñecida como Muki

Por 6 Febreiro, 2023Sin comentarios

María Yañez, máis coñecida como Muki, vén de crear Cordadas, o primeiro xogo de cartas en galego sobre alpinismo e escalada orientado a público adulto, pero que tamén poden xogar nenos.

A creadora deste xogo leva 12 anos facendo alpinismo e escalada e é secretaria no Club de montaña O Cordal de Lugo, e actualmente colabora co Club de montañismo Buxán mentres vive na Pobra do Brollón.

Muki explica que “Muki Xogos xurdiu un día antes de ir escalar cuns amigos en baleira. Estaba tomando un café e ocorréuseme un xogo relacionado coa escalada, con taboleiro, pero un día facendo unha travesía polos Picos de Europa dinme de conta de que eu só levo unha baralla, polo que adaptei as normas do xogo orixinal, os materiais e os deseños”.

Cordadas é un xogo pensado para levar a unha actividade de montaña, como defende Muki, quen sostén que sempre lle gustou escribir contos para nenos e o deseño, que aprendeu dunha maneira autodidacta.

Muki decidiu unir dúas das súas paixóns, a montaña e os xogos, e os debuxos e deseños das 80 cartas que forman o xogo son todos de creación propia.

Normas do xogo

Cordadas é un xogo para entre 2 a 6 xogadores, en galego e castelán e, aínda que a temática sexa a escalada e o alpinismo, calquera pode xogar porque se basea nun código de cores.

En Cordadas, a xogadora é unha intrépida alpinista ou escalador que ten o obxectivo de chegar ao cumio levando todo o material que precise. Hai cartas de material de escalada clásica, escalada deportiva e alpinismo.

O resto dos xogadores tentarán que os contrincantes non acaden o seu obxectivo por medio de cartas de trasnadas e de meteoroloxía adversa.

Futuro do xogo

Actualmente, está en marcha un crowfunding para recuperar o diñeiro que investiu María no deseño e venta do xogo, que di “está a funcionar moi ben, xa que en catro días cumplimos xa o primeiro obxectivo”.

Con respecto ao futuro, di que a súa intención é comercializar o xogo en tendas especializadas en cómics de xogos de cartas e que non descarta a posibilidade de sacar adiante tamén o xogo inicial do taboleiro, así como outras ideas de xogos que ten na cabeza.