Skip to main content
Monforte

O goberno local de Monforte avisa de cambios na circulación viaria debido á misa de San Blas

Por 2 Febreiro, 2023Febreiro 3rd, 2023Sin comentarios

O Concello de Monforte informou sobre o dispositivo de tráfico que se desenvolverá durante a celebración da misa de San Blas, que terá lugar mañá venres, 3 de febreiro, ás 11.00 horas.

Este evento, que habitualmente se celebra na igrexa de San Vicente, terá lugar na igrexa da Régoa, debido as obras de restauración que se están a levar a cabo na primeira.

Por iso, ante a previsión dunha elevada afluencia de asistentes, tendo en conta que a localización da mesma é en zona de escasa capacidade de estacionamento e con acceso mediante vías estreitas, e que o atrio da igrexa tamén se encontra en obras, o goberno local adoptou medidas para reorganizar o tráfico para garantir a fluidez e a seguridade de todos os usuarios.

Deste xeito, e segundo o informe elaborado pola Policía Local de Monforte, tomáronse as seguintes medidas para o 3 de febreiro:

  • Supresión do estacionamento de vehículos no atrio da igrexa da Régoa e na baixada desde a rúa Santo Domingo, entre o inicio da rúa ata a porta da Alcazaba, desde as 8.00 horas ata a finalización da misa.
  • Supresión do tráfico rodado na baixada e atrio da igrexa da Régoa en dirección á Costa da Pena desde as 10.30 horas ata a finalización da misa e a evacuación das persoas asistentes.
  • Establecemento dunha única dirección de circulación de vehículos na rúa Santo Domingo, que será entrando desde a Praza de Abastos pola rúa Ricardo Quiroga, en dirección a San Vicente, e saíndo por Campo da Virxe e rúa Real, desde aproximadamente as 10.30 horas ata a finalización da misa e a evacuación das persoas asistentes.
  • O estacionamento farase no tramo superior da rúa Santo Domingo, na marxe dereita en sentido subida (entre a Porta da Alcazaba e o Campo da Virxe), no propio Campo da Virxe e na subida a San Vicente.
  • Todo o dispositivo sinalizarase mediante sinais verticais e vallas e haberá efectivos da Policía Local para ordenar a circulación mentres dure o evento.

O alcalde, José Tomé Roca, recorda que “é necesario que todos os cidadáns respecten este dispositivo especial pensado para garantir a seguridade de todos nós e para evitar colapsos de circulación nas rúas, que se poden ver afectadas por mor da celebración de San Blas”.