Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte denuncia o deterioro do campo da feira

Por 17 Febreiro, 2023Sin comentarios

A portavoz popular de Monforte, Katy Varela, anuncia a presentación dunha nova iniciativa na próxima sesión plenaria para instar ao goberno municipal a adoptar as medidas precisas para mellorar o campo da feira e, especialmente, a renovar o pavimento do acceso ao punto limpo.

Varela explica que “a pesar da iniciativa levada ao pleno hai meses para a mellora do estado do campo da feira, case un ano despois a situación segue sendo a mesma ou peor”.

A portavoz popular describe o estado do recinto e o das construcións que alberga dicindo que “as naves seguen en estado de abandono, algunhas delas practicamente en ruínas e, aínda así, calquera pode acceder a elas, co conseguinte risco para a súa integridade física”.

Os populares din que o pavimento dentro do campo da feira está totalmente deteriorado, o que resulta especialmente molesto porque é o acceso ao punto limpo de Monforte.

Así, Varela indica que hai fochancas profundas que dificultan a circulación dos vehículos dos veciños, que levan alí os obxectos dos que se queren desfacer.

Para o Partido Popular é unha prioridade a rehabilitación e impulso do recinto, sobre todo mellorar a imaxe da entrada do punto limpo.