Skip to main content
Monforte

O BNG pide á Xunta unha solución definitiva para resolver o “enlodamento” do río Cabe de Monforte

Por 25 Febreiro, 2023Sin comentarios

A deputada do BNG, Carme Aira reprochou á Xunta o seu “desleixo e pasividade para resolver as graves consecuencias do continúo enlodamento do río de Monforte” e criticou que para responder á pregunta do BNG sobre as medidas previstas e a necesidade dun plan de protección, acuda ao Parlamento galego a Directora de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

A xuízo da parlamentaria, non existe “ningunha coordinación” entre a Consellería de Medio Ambiente e Medio Rural e a titular de patrimonio só respondeu “botando balóns fóra ao culpabilizar do enlodamento do Cabe ao concello de Monforte e á Confederación Hidrográfica Miño- Sil, explica.

A nacionalista insistiu na obriga de Medio Rural de implantar medidas “contra un enlodamento que se produce de maneira habitual ao longo dos anos”. Aira explicou que na última década, as diferentes obras nas vías e no corredor “provocaron enlodamentos que afectaron a distintas traídas de augas e a vida do propio río ao que sumou a incidencia dos incendios”.

Así, denuncia que “mentres todo iso se producía, puidemos constar, a pasividade das distintas consellerías para xestionar as causas e consecuencias que afectan ao río Cabe”.

E argumentou que “a afectación do arrastre de cinsas cara ao río directamente ou a través dos seus afluentes causa asfixia e mortalidade de peixes e prantas acuáticas, debido ao seu carácter alcalino, que modifica o PH da auga e prexudica  á biodiversidade do seu  hábitat”.

Por outra banda, engadiu que o río abastece a vila de Monforte de auga para consumo, e “o enlodamento incrementa o esforzo e o custe da potabilización das súas augas, pero debido á súa potabilizadora aínda se logra auga de calidade a costa de horas de traballo e de avarías pola introdución de áreas nos seus mecanismos, pero outros concellos ou parroquias que non contan con eses medios deben pasar sen auga da traída por non lograr baixar a turbidez”.

Carme Aira lamentou que a reposta da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, non se traducira nun compromiso real e medidas urxentes para “frear o enlodamento do río Cabe” e pide unha solución definitiva.