Skip to main content
A Pobra do Brollón

Continúa a programación do Entroido na Pobra do Brollón cunha semana chea de actividades

Por 14 Febreiro, 2023Sin comentarios

A Pobra do Brollón segue coas súas actividades no marco do Entroido e esta semana comeza forte  co obradoiro infantil de comadres, que terá lugar hoxe, día 14, ás 17.30 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’.

Este ano, os obradoiros tanto de comadres como de compadres, organizados polo Concello da Pobra do Brollón, realízanse separando os nenos por curso escolar e non por sexo, co obxectivo de crear espazos que respecten a diversidade de xénero.

No obradoiro de comadres participan os alumnos de 2º, 4º e 6º e os de infantil poderán asistir sen apuntarse.

Máis actividades

O xoves 16, día de comadres, realizarase un concurso con diferentes categorías (individual e colectivo, tanto de adultos como de nenos) ao que é posible anotarse ata ás 14.30 horas do mesmo xoves.

Ese día pola tarde a partir das 18.30 horas, as persoas que queiran poderán correr as comadres e participar na queima colectiva das figuras. Tras a queima convidarase a unha chocolatada.

O venres terá lugar a última charla do ciclo ‘Desenmascarando o Entroido’ ás 20.15 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ a cargo do investigador local Felipe Castro. Baixo o título “Tres actividades tradicionais e unha mascarada ritual”, Castro centrará a súa charla na celebración do Entroido na parroquia de Salcedo.

Xa o sábado, día 18, chega o evento grande da programación municipal co desfile de Entroido, que terá lugar a partir das 17.00 horas, cando os disfraces, comparsas e carrozas percorrerán as rúas ata chegar á Casa da Cultura, onde se entregarán os premios dos compadres e comadres, e dos participantes no desfile.

Por último, tamén o sábado comeza a programación de Entroido de Salcedo coas funcións de teatro e o pregón seguido dos disfraces de campo e madamas e danzantes. O Entroido salcedán continúa ata o martes 21, co luns da saída do Oso como evento central.