Skip to main content
Deportes RIBEIRASACRAXAQuiroga

Éxito total no IX Quiroga Trail Challenge

Por 7 Febreiro, 2023Sin comentarios

Un ano máis éxito total no IX Quiroga Trail Challenge celebrado esta fin de semana. Así, acompañados dun sol radiante e temperaturas moi baixas, gozaron á vez corredores, acompañantes, voluntarios e organización.

Foron sete carreiras con 1.200 participantes en dous días cheos de nervios, ganas e, sobre todo, emocións moi intensas que percorreron os máis recónditos lugares do territorio Lor.

Ao podio masculino do minitrail subíronse Nicolás Besoy, Christopher Fernández e Eloy Martínez, en primeiro posto, segundo e terceiro respectivamente. En mulleres as gañadoras foron Beatriz Álvarez, Cristina Rodríguez e Aida Cuadrado, nesa orde.

Na distancia trail os gañadores foron David Rodríguez, Ramón Roselló e Álvaro González, respectivamente. As tres primeiras mulleres foron Lucinda Sousa, Esther Márquez e Patry Noya.

En canto aos circuítos, os gañadores do minitrail foron Christopher Fernández e Beatriz Álvarez; no circuíto trail, Javier Janeiro e Patry Noya; en distancia circuíto maratón, Eduardo Fabeiro e a portuguesa Lucinda Sousa. Finalmente, no circuíto ultra repetiu vitoria José M. Gil e Silvia Trigueros.

Organización e voluntarios empregáronse a fondo para que todo saíse á perfección e así foi. “Sen dúbida, o evento cumpriu coas expectativas de todos os asistentes: corredores, acompañantes e voluntarios”, dixeron dende a organización.

“Infinitamente agradecidos polo labor desempeñado polos 140 voluntarios ao longo de toda a fin de semana, ademais de todo o seu traballo previo. Sen eles, isto non sería posible” expresan emocionados Blas Rodríguez e José Manuel Rodríguez, ambos os “alma do evento”.