Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXA

Haberá que vacinar os animais da especie ovina e bovina do Sur de Lugo por focos de lingua azul

Por 22 Febreiro, 2023Sin comentarios

A Xunta vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) catro focos de lingua azul do serotipo 4 (S-4) en bovinos dos concellos de Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves -onde deron positivo dous animais dunha mesma explotación-, no marco do plan de vixilancia desta enfermidade e tras a confirmación por parte do Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, laboratorio de referencia nacional para esta doenza.

A declaración dos focos supón a creación dunha zona de restrición de polo menos un radio de 50 km arredor dos casos detectados, considerando sempre comarcas veterinarias completas.

Segundo isto, a zona de restrición inclúe as provincias de Ourense e Pontevedra na súa totalidade, e as comarcas veterinarias de Chantada, Terra de Lemos-Quiroga e Sarria, no sur de Lugo. Así, nestas áreas será obrigatoria a vacinación de todos os animais da especie ovina e bovina de máis de tres meses de idade.

Nesa liña, finalizada a época estacionalmente libre do vector -a mediados-finais de abril- nestas zonas só se poderá autorizar o movemento de animais se proceden de explotacións vacinadas, e os animais están vacinados (só posible a partir dos tres meses), ou son animais menores desa idade procedentes de nais vacinadas.

Ademais, deberán ser transportados en vehículos que sexan desinsectados antes da carga. Deste xeito, a Consellería do Medio Rural xa está organizando a realización da pertinente vacinación para comezar no vindeiro mes de marzo.

A maiores, está previsto que cando finalice a época estacionalmente libre do vector, os centros de limpeza e desfinfección de vehículos que dependen da Consellería do Medio Rural comecen a prestar o servizo de desinsectación.

A lingua azul

A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se tramite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides (vectores biolóxicos) que transmiten a enfermidade pola picadura a animais infectados e posterior picadura a animais sans.

No momento actual, estase en época estacionalmente libre do vector, é dicir, época na que non hai mosquito transmisor, o que quere dicir que os animais detectados se infectaron antes de comezar esta (novembro-decembro), aínda que manteñen hoxe a viremia malia que non presentan síntoma ningún.

Nese senso, cómpre sinalar que a lingua azul non é unha zoonose, é dicir, non é transmisible ás persoas, nin por contacto directo cos exemplares positivos nin por consumo de produtos cárnicos.