
Efrén Castro, representante do BNG en Sarria, adianta a postura que adoptará o grupo municipal nacionalista na Comisión Especial de Contas convocada polo goberno local sarriao coa que pretende aprobar o orzamento municipal para 2023.
A pesar de non estar a favor do presuposto municipal, xa que, segundo Castro, “son mellorables en canto ao investimento que se dirixe a diferentes ámbitos, como o cultural”; explica que votarán a favor deses orzamentos.
Desde o grupo explican que a Relación dos Postos de Traballo (RPT) do Concello de Sarria levaba moito tempo sen aprobarse ata que se fixo o ano pasado, o que “conleva axustes e melloras para os traballadores do concello”, pero para poder aplicala, “fai falta aprobar os orzamentos”.
Esta é a razón que esta agrupación política establece como o motivo para votar a favor da aprobación dos presupostos, xa que “por este tema non queriamos deixar de lado aos traballadores que teñen aprobada a RPT”.
Desta maneira, defenden que “é un ano curto” e que “hai que apostar pola estabilidade dos traballadores, aos que lles pode supoñer un prexuízo maior se por diferencias políticas tumbamos este proxecto”.