Skip to main content
Sarria

O Concello comezou os traballos de sinalización vial horizontal en máis de medio cento de rúas da vila de Sarria

Por 7 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Sarria comezou os traballos de  mellora da sinalización vial horizontal en máis de medio cento de rúas da vila, que  incluirán o repintado das marcas na calzada e dos pasos de peóns, a sinalización das prazas de estacionamento reservadas para minusválidos, e a sinalización das zonas  de carga e descarga, de ambulancias e para as paradas dos autobuses.

O concelleiro de Mobilidade e Ordenación do Tráfico, Félix Seijas, precisou que estas  tarefas, que contan cun orzamento de 41.765 euros, prolongaranse durante días, “sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan”, polo que pediu desculpas  ante as posibles molestias que se poidan ocasionar. Ademais, solicitou á veciñanza e  aos condutores que respecten as indicacións dos axentes da Policía Local para  facilitar o desenvolvemento dos traballos e minimizar a incidencia sobre o tráfico.

Segundo explicou o edil, esta mellora da sinalización vial desenvolverase nun total de  54 rúas, con tres niveis de actuación: no primeiro grupo atópanse 10 rúas (rúa Liberdade, rúa Nova, rúa Gran Vía Alfonso IX, rúa das Insuas, rúa Xoán Montes, rúa  Pascual Veiga, rúa Castelao, rúa Pombal e rúa Formigueiros) nas que se pintará a  totalidade das marcas horizontais e dos pasos de peóns; no segundo grupo inclúense  29 rúas nas que se pintarán os pasos de peóns e as liñas da calzada; e no terceiro grupo  están 15 rúas nas que só se pintarán os pasos nas zonas máis deterioradas.

Ademais, dentro do proxecto tamén se acometerá a instalación de bolardos a carón  dos pasos de peóns máis perigosos coa finalidade de que os vehículos non poidan  estacionar preto deles, o que permitirá mellorar a visibilidade e incrementar a  seguridade.

RESPONSABILIDADE DOS PEÓNS

Por último, o concelleiro de Mobilidade e Ordenación do Tráfico apelou á  responsabilidade e precaución dos peóns para cruzar as rúas pedíndolles que o fagan  polos pasos sinalizados, coa finalidade de minimizar o risco de atropelos. Ademais,  lembroulle aos condutores que a velocidade máxima permitida nas rúas do centro  urbano é de 30 Km/h.