Skip to main content

Por Pablo Veiga

Servidor tivo a sorte de poder visitar destinos alén dos mares, moi lonxe de aquí. Así, a casualidade quixo que se producisen estadías en países como Mozambique, no sur de África, e Brasil, en América. En ámbolos dous, a comunicación coa xente resultou doada. “Voçe fala coma nós…”. Frase que adoitaba escoitar, dita con sopresa e admiración ao mesmo tempo por aquelas persoas coas que un conversaba. Homes e mulleres de distintas idades falaban en portugués, unha lingua moi semellante á nosa e da que podemos afirmar que é o galego internacional, idioma oficial nos dous estados citados e noutros como Angola, Guinea Bisao, Cabo Verde ou Timor Oriental. En total, estímase en máis de dous centos millóns os falantes de portugués no mundo.

Recentemente faleceu o escritor Domingo Frades Gaspar, nado  en San Martín de Trevejo (Cáceres) e membro da Real Academia Galega –RAG-. Foi un comprometido defensor, ademáis de aplicado estudoso, da Fala estremeña , unha lingua propia dunha zona da provincia de Cáceres composta por tres municipios, o citado máis os de Eljas e Valverde del Fresno, e que foi declarada como Ben de Interese Cultural no ano 2001. A peculiaridade que lle ven dada atópase no extraordinario parecido co noso galego. Si, en Estremadura, a máis de cinco centos quilómetros da Chaira, falan tamén coma nós, ou canto menos, moi aproximado. Son unhas cinco mil persoas que a conservaron, transmitíndoa de xeración en xeración, nun entorno monolingüe español, de maneira única e exclusivamente oral, xa que apenas existen textos escritos onde se poda ler e aprender. Todo un mérito sen ningunha dúbida o desta xente, quen merece total recoñecemento. Resulta curiosa esta realidade lingüística, a cal tamén está en risco de extinción, como nos ocorre a nosoutros. Porque onde se fala existen dous fenómenos que nos son familiares, o despoboamento e o avellentamento, cada vez menos xente e cada vez máis vella, polo que resulta evidente que o seu futuro sexa moi incerto. Aínda así, sempre aparecen persoas comprometidas, como o recentemente falecido, o mencionado escritor Domingo Frades Gaspar, e outros que se empeñan en que esta peculiar e moi minoritaria lingua non desapareza. A presenza da Asociación Cultural A Nosa Fala é un claro exemplo de tenacidade e perseverancia, quen vela para que siga sendo un Ben de Interese Cultural, non só nos lugares onde a teñen como propia os seus habitantes, senón para todo aquel que amose sensibilidade por estas peculiaridades que nos achegan a nosoutros, aínda que vivamos a centos de quilométros. Curiosa resulta a historia dun lingüista checo afincado nun dos tres municipios sinalados, quen escribiu e publicou o primeiro diccionario de  A Fala, recopilando trece mil vocablos.

A supervivencia dunha lingua como esta ou como calquera outra que non é maioritaria, supón todo un desafío nos días de hoxe. A clave está na transmisión e se esta non se leva a cabo, estes idiomas están condenados a desaparecer. E sería unha perda considerable e, o máis probable, que sexa tamén irreparable.