Skip to main content
As Pontes

Adxudican novas obras en camiños de parroquias das Pontes

Por 6 Febreiro, 2023Febreiro 7th, 2023Sin comentarios

O Concello das Pontes adxudica, por preto de 60.000 euros, as obras de mellora dos camiños municipais en O Ramallal, O Caxado, A Castiñeira, co obxectivo de dotalos dunha maior calidade, tanto estrutural como superficial, para garantir, deste xeito, a seguridade do tráfico e das persoas viandantes.

A través destas actuacións, o goberno local continúa co seu proxecto para mellorar as infraestruturas do ámbito rural, favorecer a calidade de vida da veciñanza, que sumadas ás actuacións xa levadas a cabo e as previstas acometer nos próximos meses, permitirán avanzar cara un municipio máis accesible, cómodo e seguro.

Os traballos, financiados a través do POS da Deputación da Coruña, permitirán a mellora e substitución da actual capa de rodadura por aglomerado e inclúen o varrido da superficie do viarios, a limpeza das marxes e cunetas así como o seu perfilado para asegurar a correcta drenaxe transversal e lonxitudinal do firme.

As intervencións proxectadas inclúen tamén a rehabilitación do firme, reparando as fochas existentes con aportación de grava e tratamento asfáltico semiprofundo e a execución de sobreanchos nas zonas necesarias. Os traballos rematarán co pintado das liñas de borde e a reposición da sinalización horizontal e vertical.