Skip to main content
Begonte

A USC estuda en Begonte novas tecnoloxías de desbroce

Por 6 Febreiro, 2023Febreiro 7th, 2023Sin comentarios

Investigadores da Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sustentable do Campus Terra da USC desenvolven este proxecto no concello xunto coa empresa de servizos forestais Servitec Medioambiente e Feuga, ao abeiro do grupo operativo Cogomelos+, que conta con financiamento da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

Investigadores do grupo Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC avalían novas tecnoloxías de desbroce de baixo impacto orientadas a mellorar a xestión micoselvícola de piñeirais ao abeiro do grupo operativo ‘Cogomelos+: Incremento da produtividade micolóxica dos piñeiras galegos’, financiado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e no que a USC participa xunto coa empresa de servizos forestais Servitec Medioambiente e a Fundación Empresa-Universdiade Galega (Feuga).

O obxectivo esencial do proxecto, cuxos primeiros traballos xa se están a executar en parcelas da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Bóveda, no concello de Begonte, é a mellora da xestión de piñeirais para a produción múltiple de madeira e cogomelos silvestres, avaliando a produtividade en piñeiral baixo en distintas intervencións de clara e de roza. O proxecto, que se está a realizar nun sitio de ensaio cunha produtividade madeireira xa determinada ao longo de dúas décadas, permitirá analizar os custes e beneficios derivados dos distintos tratamentos aplicados, ao tempo que tamén posibilitará unha estimación económica global de toda a quenda.

Os primeiros traballos acometidos consistiron en ensaios de maquinaria de roza, nos que se empregaron robots dirixidos a control remoto de Energreen RoboEVO, que presentan un peso reducido e montan frontalmente unha rozadora de martelos de eixo horizontal. Con potencia de 40 HP, estes dispositivo permitiron rozar debaixo dos piñeiros, incluso naquelas áreas con elevadas cargas de matogueira, segundo indican investigadores do grupo Uxafores da USC.

As tarefas executadas posibilitaron tamén avaliar e medir os tempos produtivos, preparatorios e de servizo, así como os períodos sen traballo, explican investigadores de Uxafores, que consideraron como alternativa para os seus cálculos o tradicional tractor estreito tripulado dotado de rozadora de cadeas. Daquela, as primeiras análises sinalan ue a roza con robot permite aparentemente unha boa calidade de desbroce cun impacto reducido, dado que o peso destes dispositivos (uns 1.500 Kg) é moi inferior ao dos tractores convencionais. Ademais, os robots dispoñen dun tren de rodaxe de cadeas, o que permite unha mellor distribución da súa carga.

As accións de traballo proxectadas polos socios do grupo operativo Cogomelos+ implicados neste proxecto inclúen tamén a avaliación do efecto inmediato da compactación derivada da maquinaria de roza, ademais da mediación e o estudo da evolución a medio prazo da produtividade de cogomelos comestibles e comercializables baixo piñeiral na superficie dos terreos rozados.

Os investigadores do grupo Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da USC implicados neste proxecto manteñen que a dimensión dos terreos nos que se están a desenvolver estes ensaios e que abanguen unha extensión de 20 hectáreas, é suficiente como para servir de modelo ou de experiencia piloto válida para outras comunidades de montes veciñais en man común. Aínda así, os socios do grupo operativo Cogomelo+ prevén realizar a comezos de verán unha primeira xornada de difusión dos resultados acadados, a fin de transferir a información recabada a outros propietarios de montes particulares e mesmo a outras comunidades de montes.