Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Val de Francos terá de novo un Entroido con tradición e retranca

Por 19 Febreiro, 2023Febreiro 20th, 2023Sin comentarios

As parroquias de Ansemar, Balmonte e Duancos, en Castro de Rei, volverán este ano reunirse no campo do Carril, con motivo do Entroido de Val de Francos, para ofrecer unha forma diferente de entender esta celebración mantendo viva unha tradición que ten preto dun século de vida.

Descoñécese cando comezaron os veciños destas localidades a facer o Entroido pero que ata o ano 1955 tiña un carácter regular e hai algún vestixio que o sitúa nos primeiros anos do XX. Fallaron durante uns anos por falta de organizadores e dende 1959 ata 1969 recuperouse.

Foi nese ano cando a celebración de Val de Francos perdeuse de novo, ata que no ano 1990 un grupo de veciños decidiron volvelo a poñer en marcha, e así sigue ata hoxe, coa excepción do ano 2021, pola covid.

Son moitos os trazos distintivos desta celebración, os mesmos que a fan diferente ao resto de entroidos da contorna. De todos os xeitos, a súa sona é grande, xa que unha veciñanza que non chega a 250 persoas congrega todos os anos a máis de dúas mil. “A xente vén como formigas ao formigueiro”, explica Ana Cantó, unha das organizadoras desta festa.

A celebración arranca ás 17.00 horas do martes de Entroido. Este ano será o día 21. Empezarán quentando motores con música dos infatigables Valuros, veciños da localidade, que ano tras ano viven a festa con toda a intensidade.

Será o grupo Eureka, da Coruña, o encargado de recoller o testigo musical media hora despois e antes de que chegue un dos momentos culminantes da festa, a lectura do sermón, onde Ana e Serafín, que recolleu o testigo do seu pai, dan conta do resumo do ano, dos chismes do lugar e sácanlle as cores a todo aquel que ten algo que agochar. Crítica en forma de verso que se converte no eixo da tarde e que supón un traballo de tempo e “do que non libra ninguén”, di Ana.

A importancia do sermón fixo que este ano se probase a retrasar a súa celebración para dar tempo a veciños e visitantes a achegarse. Así que dará comezo ás 18.30 horas.

Ao remate terá lugar outra das sesións máis importantes, a lectura da sentenza condenatoria ao Antroido e a súa queima. Trátase dun boneco de palla que representa todo o que saíu mal este ano. Se no 2022 este privilexio tocoulle á covid, este ano será Putin quen pague polas súas accións entre as chamas de Val de Francos. Este ano, ao empezar máis tarde intentarase queimar o Antroido xa de noite, para que sexa máis simbólico.

A partir de aí, festa rachada cos grupos Saudade e Eureka. Haberá este ano tamén sorteo de agasallos e sesión pirotécnica, unha das novidades do ano pasado que tivo moita aceptación e que se retoma nesta ocasión.

Este ano hai eleciós
Ide preparando o voto
Veñenche cun bon regalo,
Haber señor donde llo boto!!

Prometenche todos moito
Gobierno é oposición
Eles o que andan mirando
É de acomodarse nun bon sillón!!

Andan mui apurados
Camelando nos veciños
Algún cando chegue a porta
Vai levar con ela nos fuciños!!

E tamén seique na Xunta
Choranche de noite e de dia
Porque se marchou Feijoo
Se puidera xa volvía!!!

E tamén o Pedro Sanchez
Que é un tipo mui guapo
Dicen que arruina España
Pero el enche ben o papo!!!

“Non hai concurso nin cartos, queremos que a xente veña facer festa e non caixa”, explica Ana Cantó, que afirmou que probaron un ano a facer o concurso pero non funcionou e quedou eliminado.

No seu traballo de recuperación de actividades e de simboloxía do vello Entroido, o ano pasado volveron verse as madamas e os galáns, dúas figuras positivas das festas que rexurdiron para facer a ledicia dos asistentes.

Os que seguen e son imprescindibles son os fareleiros, os catro mozos que acompañan e protexen ao Antroido no seu traslado ao lugar de execución. Antigamente estes levaban para botar a todo aquel que se achegaba cinza, pero agora prefírese a fariña. Ademais doutras personaxes como embaucadores, estraperlistas, policías.

Con esta combinación de pasado e presente, Val de Francos é un referente no Entroido da comarca. Un dos segredos do seu éxito está tamén en que “temos unha sesión de festa con orquestra de tarde e eso anima a moita xente que se deita cedo a vir para gozar dunha verbena”, di Ana.