Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Estudan as permutas voluntarias de terras que se realizan en Friol

Por 1 Febreiro, 2023Febreiro 3rd, 2023Sin comentarios

Comprobaron a eficacia deste sistema de mobilización de terras impulsado nunhas 400 hectáreas do concello e anunciaron que este ano comezará un novo proxecto que consistirá en aplicar este sistema de permutas en tres zonas piloto.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe un encontro con veciños de Friol que se están a beneficiar das permutas voluntarias impulsadas en arredor de 400 hectáreas deste municipio. Durante a xuntanza, na que tamén estivo o alcalde, José Ángel Santos, o conselleiro puido comprobar a eficacia deste sistema de mobilización de terras e considerou clave para o seu desenvolvemento as melloras introducidas nas permutas pola Lei de recuperación da terra agraria. Nesa liña, avanzou que -segundo o recollido nesta norma- estas permutas se declararán de especial interese agrario, o que suporá distintas vantaxes, entre elas unha liña de axudas para financiar os gastos notariais e de inscrición no rexistro da propiedade destas permutas, asesoramento e mediación por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, traballos de limpeza e a eliminación da necesidade de licenza de segregación, entre outros.

Así, neste concello lugués xa se levaron a cabo tres proxectos de animación sobre a reestruturación da propiedade mediante permutas voluntarias en terreos de varias parroquias. Nesta primeira fase, puxéronse as bases para levar a cabo un proxecto piloto de ordenación en ditos terreos, en estreita colaboración cos beneficiarios e dándolles a coñecer as particularidades desta figura incluída na Lei de recuperación. Precisamente, o conselleiro agradeceu o apoio do Concello de Friol no desenvolvemento desta iniciativa.

Agora, anunciou o conselleiro, ao longo deste ano comezarase cun cuarto proxecto de cooperación -financiado ao igual que os outros tres pola medida Leader- que consistirá en poñer en práctica en tres zonas piloto con características diferentes o procedemento de ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas. Neste caso, o importe da axuda ascende a 117.000 euros.

Neste senso, os encargados de levar a cabo ditas iniciativas serán os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) das comarcas de Lugo, Ordes e Pontevedra Norte. De feito, tamén están presentes hoxe os alcaldes de Ordes, José Luis Martínez; de Mesía, Mariano Iglesias; de Outeiro de Rei, José Pardo e de Lalín, José Crespo; ademais da alcaldesa de Guntín, Mª José Gómez. Ademais, anunciou José González, mellórase a estrutura das propiedades agrarias das zonas ao incrementar a superficie dos predios mediante o agrupamento de parcelas que antes se atopaban en distintas ubicacións.

Precisamente, recordou o conselleiro, o que caracteriza as permutas de interese agrario é que son acordos entre propietarios de predios rústicos, para o intercambio das mesmas de carácter consensuado, bilateral e recíproco. Ademais, explicou, ao levarse a cabo en zonas nas cales non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario, nin necesidade de máis infraestruturas viarias, mellorarase de forma exponencial a produtividade das explotacións desas áreas.

Lei de recuperación

Durante a súa visita, o conselleiro valorou que os GDR xogan un papel fundamental dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, no sentido de explicar e asesorar tanto á poboación local como aos agricultores, gandeiros ou produtores forestais sobre as posibilidades que ofrece esta norma. De feito, na primeira fase deste proceso de permutas, o GDR 4 da Comarca de Lugo mantivo numerosas reunións cos veciños beneficiarios para explicarlles todo o proceso  e dar así a coñecer os obxectivos da iniciativa.

Ademais, tamén son os encargados de asesorar e informar sobre os outros instrumentos de mobilización de terras habilitados pola Lei de recuperación, tales como os polígonos agroforestais e as aldeas modelo. Neste eido, José González recordou que no primeiro ano de vixencia da lei estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia. Deste total, 8.788 ha corresponden a 21 polígonos agroforestais e 574 a 21 aldeas modelo. Así, remarcou, entre ambos instrumentos de recuperación estase a beneficiar a máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.

Parcelarias

Seguidamente, o conselleiro -xunto coa directora xeral e o alcalde- visitarán a zona da nova concentración parcelaria de San Xoán de Seoane da Pregación, decretada en abril de 2021 ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. Trátase do único proceso aberto neste concello lugués, o cal reordenará unha superficie de 392 hectáreas, que abarcan un total de 599 parcelas propiedade de 93 veciños.

Neste senso, cabe destacar que este tipo de proceso de reorganización do territorio consegue paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. De feito, a Consellería dedica este ano 17 millóns de euros para seguir traballando nos procesos vivos e así poder seguir decretando novas zonas onde a prioridade sexa a ampliación de base territorial para as nosas explotacións. 

Así, entre o ano 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou un total de 24 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 17.400 hectáreas, beneficiando preto de 11.300 propietarios que recibiron máis de 25.500 títulos de propiedade. Na provincia de Lugo foron nove as parcelarias rematadas nese mesmo período, as cales abrangueron unha superficie dunhas 6.100 hectáreas e beneficiaron máis de 2.700 propietarios.

Ademais, entre os anos 2021 e o que levamos de 2023, decretáronse 27 novas concentracións parcelarias en Galicia (10 na provincia  de Lugo), que abarcan un total de 22.589 ha e 107.317 parcelas de 15.387 titulares.