Skip to main content
Meira

Firmado o convenio para o cambio en Meira do antigo bar Centro a espazo cultural

Por 17 Febreiro, 2023Febreiro 19th, 2023Sin comentarios

O presidente asinou co alcalde un convenio de colaboración co obxectivo de renovar este céntrico lugar que servirá para acoller actuacións, conferencias, concertos, exposicións ou calquera acto que contribúa á dinamización da actividade nesta comarca.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez, un convenio de colaboración que ascende a 106.455€ para a rehabilitación e acondicionamento das instalacións do antigo bar Centro para convertelo nun novo espazo de dinamización cultural do municipio e da comarca. A Deputación destina 99.800€ e o Concello a contía restante, 6.655€.

O proxecto do alcalde consiste en crear un espazo principal polivalente, o máis amplo posible, aseo, almacén e un despacho. A idea é tamén aproveitar as ventás grandes como escaparates expositivos de produtos da comarca ou mostras. Este será un lugar onde se poderán facer actuacións, concertos, reunións, conferencias, exposicións ou calquera evento ou acto cultural que se queira, animando pola súa céntrica situación a participación da veciñanza.

Trátase dun edificio que está no centro neurálxico do municipio, no paseo central da Praza Maior, onde se aglutina a vida comercial e lúdica da localidade, ademais de celebrarse nesta contorna a feira quincenal.

Esta nova colaboración económica que fai agora a Deputación de Lugo con Meira súmase, entre outras, ao investimento de preto de 3M€ que inxectou neste mandato no concello a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos, melloras de estradas, creación de emprego, colaboración co tecido asociativo da localidade, entre outras accións que repercuten no día a día da xente. Ademais, dende finais do 2021 está en funcionamento o  Centro de Atención a Maiores que a institución provincial puxo en marcha na localidade. A cooperación cos 67 concellos da provincia é unha das liñas de actuación prioritarias da Deputación de Lugo, contribuíndo deste xeito a que as entidades locais poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas.