Skip to main content
Axenda CaducadaMuras

Muras celebrará o Día de Rosalía con poesía e obradoiros de astronomía

Por 22 Febreiro, 2023Febreiro 23rd, 2023Sin comentarios

O vindeiro día 25 de febreiro o concello de Muras festexa o día de Rosalía de Castro cunha completa sesión que combina poesía e astronomía.

“O Concello de Muras quere celebralo por todo o alto, ata chegar ao ceo. Imos aproveitar para salientar unha das figuras máis importantes da nosa cultura. Unha muller creadora que nos deixou ensaios, narrativa e poemas dun valor incalculable. Unha muller adiantada ao seu tempo que describiu como ninguén a paisaxe galega, achegándonola en cada un dos seus versos”, explican dende a organizaión.

A Agrupación Astronómica Coruñesa Io, apoiada por outras entidades, conseguiu que unha estrela levase o nome da escritora. O seu primeiro exoplaneta foi nomeado Río Sar, de xeito que os seguintes serán sempre definidos con palabras relacionadas coa súa obra e a súa contorna.

Coincidindo co certificado Starlight que avala a espléndida calidade do firmamento en Muras, vaise celebrar a Rosalía por todo o ceo.

Nesta sesión, que terá lugar o día 25 de febreiro na área de caravanas do Viveiró, falarase da súa obra, da estrela que leva o seu nome e dos incribles ceos de Muras para descubrir as estrelas. Todo isto mesturado con obradoiros, teatro, chocolate quente e unha observación guiada do ceo nesta época do ano. Como vai un pouco fresquiño, quentaremos o corpo cunha rica cunca de Caldo de Gloria.

A sesión dará comezo ás 16.00 horas cun obradoiro de astronomía para todas as idades que por ser de aforo limitado necesita previa inscrición (turismo@muras.gal ou no teléfono 982 500 012) ao que seguirá a lectura de poemas da escritora galega. Trala pausa para o chocolate haberá teatro de monicreques e unha explicación sobre a estrela e o exoplaneta.

Rematarán a noite con outra lectura poética e a observación de estrelas no ceo de Muras.

Recoméndase ir ben abrigados e levar unha manta ou saco para arrouparse xa que pola noite soe facer frío. É recomendable tamén levar unha esteira illante ou similar para gozar ao máximo das estrelas.

Prégase que eviten o uso de lanternas, móbiles ou calquera fonte de luz. Ver o ceo nocturno require que o noso ollo tarde uns 20 minutos en adaptarse e tras un escintileo de luz tardemos en adaptarnos de novo.