Skip to main content
A Pastoriza

Isabel Rodríguez exemplifica na Pastoriza a dixitalización do rural co programa Unico-Banda Ancha

Por 16 Febreiro, 2023Febreiro 17th, 2023Sin comentarios

Esta iniciativa estatal garante a conectividade de máis de 300 megas á practica totalidade da localidade, en 488 zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, fundamental no mundo actual.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, exemplificou na Pastoriza o esforzo do Goberno de Pedro Sánchez para dixitalizar os municipios do rural da provincia de Lugo cun investimento de 22,5 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Isabel Rodríguez trasladouse esta mañá ata o Concello da Pastoriza onde o Executivo Central despregará conexión a internet de alta velocidade a 1.362 familias e empresas instaladas no municipio co UNICO-Banda Ancha, o programa posto en marcha polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

“É unha mostra de como están a impactar as políticas do Goberno de España para mellorar a vida dos lucenses, con proxectos reais que dan resposta ás demandas da cidadanía e que van encamiñados a reducir a fenda dixital, un obxectivo prioritario dentro do reto demográfico, porque dotando de novas tecnoloxías aos municipios pequenos aumentamos as posibilidades de desenvolvemento e fortalecemos a cohesión territorial”, destacou a subdelegada durante a reunión esta mañá co alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, na que trataron os programas dispoñibles do Goberno en materia de vivenda, transición ecolóxica, turismo e administración pública.

Isabel Rodríguez informou que o Concello da Pastoriza está presente nas dúas convocatorias de dixitalización do territorio que impulsa o Goberno a través do programa UNICO-Banda Ancha, co que se garante que 488 zonas da localidade dispoñan de conectividade de máis de 300 megas. “Esta iniciativa promove que toda a poboación teña acceso ás telecomunicacións en igualdade de condicións, fundamental para unha provincia como a de Lugo cunha elevada dispersión territorial”, engadiu.

Deste xeito, A Pastoriza está incluída nos proxectos de dotación de internet de alta velocidade que leva a cabo o Ministerio co Plan de Recuperación e que se vehiculan, con dúas convocatorias xa resoltas: a de 2021, que xa está en execución; e a convocatoria do 2022, xa adxudicada. O Goberno financia con este programa ata o 90% dos custos (tecnolóxicos, obras, permisos, etc) nos que incorren as empresas tecnolóxicas para levar Internet de alta velocidade (superior a 300mb) a zonas sen cobertura.

Na provincia de Lugo os fogares e empresas beneficiarios deste proxecto localízanse en `zonas brancas´, aquelas que non contan con cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos. Entre as dúas convocatorias deste plan, o Goberno levará a tecnoloxía de conexión ultrarrápida a máis de 32.700 vivendas e empresas da provincia.

“Nesta liña imos seguir traballando, impulsando a transformación dixital dos concellos lucenses e defendendo o acceso a un servizo básico como é Internet para os veciños e veciñas que viven no rural”, sinalou Isabel Rodríguez.