Skip to main content
As Pontes

María del Carmen Dopico, candidata do PP á Alcaldía das Pontes

Por 18 Febreiro, 2023Sin comentarios

A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña avalou a María del Carmen Dopico Rodríguez como candidata do PP no Concello das Pontes nas municipais do próximo mes maio.

Nada nas Pontes (1973), a nova candidata dos populares no municipio pontés é licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e, na actualidade, traballa como farmacéutica inspectora de Sáude Pública da Xunta de Galicia. No ámbito da política, Dopico formou parte da lista do Partido Popular da provincia da Coruña nas eleccións autonómicas celebradas no ano 2020.

Convencida de que As Pontes merece “reactivarse” a nivel social e económico porque está nun “momento crucial” para asentar novos proxectos e crear emprego, a candidata xustificou a súa decisión de dar un paso á fronte no feito de que “as persoas que somos das Pontes, que vivimos nas Pontes e que sentimos As Pontes como algo moi noso, dóenos moito ver a perdida de oportunidades que se está producindo no municipio nos últimos anos”.

Neste sentido, Dopico, que se comprometeu a abrir as portas da súa formación para acoller a todas as persoas que buscan e demandan un cambio no concello, recoñeceu que a súa formación necesita, do mesmo xeito que sucede co municipio, “enerxía renovada” para presentarse #ante os veciños como unha “alternativa capaz de xerar ilusión e esperanza para que As Pontes volva ser un lugar onde a xente teña a capacidade de crecer no ámbito persoal e laboral”.