Skip to main content
As Pontes

As Pontes impulsa o crecemento socioeconómico da comarca

Por 23 Febreiro, 2023Sin comentarios

A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer) presentou o Informe socioeconómico das tres comarcas, elaborado pola confederación co apoio económico do Igape e no que as Pontes lidera o crecemento.

Segundo os datos, de 2020, Produto Interior Bruto só creceu nos últimos anos na comarca de Eume, un 43%, mentres que diminuíu un 1% na de Ferrol e un 5% na de Ortegal. O maior crecemento do PIB rexistrouse nas Pontes, cun incremento do 62%.

A contribución do PIB das tres comarcas á comunidade galega está en liña coa súa representación poboacional: supón un 7%. E en canto ao PIB por habitante o máis alto está na comarca do Eume, onde subiu un 54%, seguido de Ferrol (un 5% máis) e de Ortegal, onde o crecemento foi superior ao de Ferrol (10% máis).

A rama de actividade que, no conxunto das tres comarcas que compoñen o ámbito de actuación de Cofer, máis achega ao Valor Agregado Bruto de Galicia é o sector da enerxía, subministración de auga e xestión de residuos, cun 25,20%, superando con moito o resto de sectores, que roldan o 7%. Destaca neste sentido o crecemento do sector da madeira, papel e moble que, a pesar de que só representa o 1% do VAB de Galicia subiu un 30% nos últimos anos.

Outro dato que se analiza no informe é a renda dispoñible bruta por habitante. Mentres que en Galicia esta cifra está en 15.863 euros, na comarca do Eume é superior (16.004 euros), en Ferrol atópase algo por baixo (15.534 euros) e en Ortegal é tamén inferior (13.882 euros). Aínda así foi nesta comarca onde máis subiu nos últimos anos, un 79%.

O estudo tamén rexistra unha importante perda de habitantes, especialmente preocupante no caso de Ortegal, onde diminuíu máis: un 10% nunha década, moito máis que en Ferrol (‐4,20%) e Eume (‐3,80%) e moi lonxe do ‐1,34% da media galega.

Por comarcas

En canto á especialización produtiva por comarca o sector con máis peso é, no caso de Ortegal, o primario (16,6% do PIB comarcal); en Ferrol é a fabricación de material de transporte e grandes reparacións industriais (4% sobre o PIB comarcal) e en Eume a enerxía, subministración de auga e xestión de residuos (56% do PIB comarcal).

Ferrol, Eume e Ortegal supoñen un 5% do total de empresas de Galicia, con 12.860 rexistradas en 2020. O sector servizos acumula case o 70% do total de empresas. O 26% repártese entre a agricultura e a construción e o sector industrial supón apenas o 5%.

A cidade de Ferrol é a que máis empresas contabiliza: 3.572, seguida de Narón (2.211) e As Pontes (668). Desde 2015 o censo de empresas nas tres comarcas reduciuse un 1%, con descensos significativo nas Somozas (-22%) e Cerdido (-18%) e un esperanzador incremento do 16% en Monfero e Mañón.