Skip to main content
Rábade TERRACHÁXA

“O esforzo está na avenida Vilalba e na creación dun gran parque”

Por 5 Febreiro, 2023Febreiro 6th, 2023Sin comentarios

Fransciso Xosé Fernandez é o alcalde de Rábade polos Independentes.

Pode facernos un balance desta lexislatura?

A satisfacción nunca pode ser plena xa que sempre hai necesidades, pero en todo caso o nivel de satisfacción é alto, malia o proceso de pandemia que nos obrigou a centrar nel os nosos esforzos durante practicamente ano e medio. Rematamos a reforma integral do Barrio da Ponte no seu conxunto, amañamos todas as pistas de Tras do Regueiro e de Vilar de Seo, co que apenas quedan estradas rurais sen aglomerado en quente; fixemos importantes melloras no sistema de captación e vertidos de augas, rematouse a urbanización de Miguel de Cervantes e contorna, obtívose a subvención para a reforma integral do Cine Man, así como a adquisición, coa axuda da Deputación, dun terreo para darlle acceso pola rúa traseira, acadamos unha subvención da Xunta de Galicia para a elaboración do novo PXOM, que xa está en marcha, e sobre todo conseguiuse que a nova pasarela sobre a vía do ferrocarril poida ser en breves unha realidade, e sen custo para o Concello. Pensamos que como traballo non estivo mal de todo.

Rábade sempre tivo unha importante relación co ferrocarril. Como cambiou a situación e a vila?

Basicamente en que hai moitos anos o ferrocarril era un medio de transporte moi utilizado por toda a sociedade, tanto rural como urbano, de persoas e mercadorías, a estación de Rábade era un auténtico bule bule, hoxe practicamente é un paso, penso que a aposta polo ferrocarril como medio de transporte público de persoas é unha materia pendente de acometer e que traería unha importante mellora da calidade de vida das persoas.

Un dos proxectos importantes é a nova pasarela sobre a vía férrea. En que situación está?

Está rematando a fase de supervisión e contamos que nas vindeiras semanas poida ser xa obxecto de licitación, o noso obxectivo é que no presente ano a súa construción e o seu uso sexa xa unha realidade.

Tamén está en marcha a remodelación do antigo Cine Man? Cales son os plans trala súa remodelación?

Si, temos que amosar a nosa satisfacción polo feito de acadar unha subvención europea importantísima para este proxecto, por suposto toda a aposta pasa por recuperar a súa esencia. Foi un elemento importantísimo -eu diría que o máis importante- no que o ocio se refire da nosa historia. Converterase nun salón de acontecementos no que sen perder o ambiente cinéfilo que sempre o rodeou, nos permitirá facer calquera tipo de evento social e cultural, con toda a categoría e dignidade que este  requira.

Investiuse moito nos últimos tempos en rehabilitar distintos espazos urbanos. Explíquenos os principais realizados e cales se van facer. 

Os vindeiros e máis inmediatos serán inicialmente a reforma da praza de Castelao e o seu parque, a construcción duns novos vestiarios no campo de fútbol, a apertura dunha nova rúa entre Alcalde Ángel Penas e Lope de Vega, a carón do Cine Man, o amaño das rúas Jesús Arias, Santa María e San Vicenzo, o remate das beirarúas de Coronel Andrade, a adquisición dos terreos fronte á igrexa para a construción dun gran parque na zona norte da vila, seguir esixindo á Xunta de Galicia o amaño da rúa de Vilalba que se atopa nun estado deplorable, e aprobar o PXOM e acometer un enlace directo da zona industrial de Rábade coa A-6 sen afectar o centro da vila.

“O Cine Man converterase nun salón de acontecementos no que sen perder o ambiente cinéfilo que sempre o rodeou, nos permitirá facer calquera tipo de evento social e cultural, con toda a categoría e dignidade que este  requira”

“A praza Castelao é unha obra xa adxudicada, mellorará o seu parque e humanizaranse as calzadas que a rodean, dándolle un aspecto máis peonil, eliminando unha parte do edificio que ocupaba a praza de Abastos “

Estaría a mellora da praza Castelao incluída? En que consiste?

Si, por suposto, é unha obra xa adxudicada, mellorará o seu parque e humanizaranse as calzadas que a rodean, dándolle un aspecto máis peonil, eliminando unha parte do edificio que ocupaba a praza de Abastos que se gañará para o parque, concretamente o pico no que remata.

Tamén está en marcha un proxecto de cohousing. Pode explicarnos en que consiste e de que forma colabora o Concello nel?

É unha iniciativa privada que conta con todo o noso apoio, sería o primeiro de Galicia, e encaixa perfectamente cos nosos obxectivos de facer de Rábade unha vila na que a xente viva permanentemente.

As axudas son tamén un xeito de apoio á mocidade do concello. Que outras medidas hai para este sector da poboación?

Os obradoiros de emprego e cursos de formación son moi importantes para facilitar o acceso ó mercado laboral, en materia de ocio a actividade deportiva rabadense tamén resulta destacable, tanto en competicións como en eventos, e nesa liña queremos seguir.

E a nivel cultural?

A reforma do Cine Man permitiranos dispor de máis espazos no actual Centro Sociocultural, a implicación da mocidade na nosa vila é sobresaínte. A súa ambición á hora de coñecer o pasado da nosa vila é permanente. Traballaremos todos na celebración por primeiro anos da festa Noutrora, conmemorativa do nacemento de Rábade como Concello, e estamos traballando xa de cara ao 100 aniversario da nosa vila, que será en 2025.

Que outras necesidades ten o Concello a día de hoxe? 

A construción dun pozo de decantación que palíe a turbidez da auga en momentos de enchente, a conexión directa dos vehículos industriais coa A-6, a construción dun parque e zona de Lecer na avenida de Vilalba, a reparación inmediata desta avenida polo seu titular, que é a Xunta de Galicia, e unha actuación urbanística que mellore a imaxe do conxunto do campo da feira. Considero que basicamente son esas as necesidades máis urxentes, ademais da finalización das que xa están en marcha como a pasarela, o remate do Cine Man e o amaño das rúas previstas.

Que outros proxectos hai de cara ao futuro?

Basicamente os referidos, o esforzo máximo está na avenida de Vilalba, e principalmente na creación dese gran parque que uniría Gabriela Nieto, con San Vicenzo e avenida de Vilalba, que será algo emblemático da nosa vila.

Cales son os plans industriais?

O remate do PXOM para poder dar acceso as industrias dende o polígono á A-6, co nacemento dunha nova zona industrial nas marxes destes accesos.