Skip to main content
Rábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

Remedios González volverá encabezar o PP de Rábade nas próximas eleccións

Por 24 Febreiro, 2023Sin comentarios

A actual voceira do Grupo Municipal Popular, Remedios González Cabarcos, será de novo a candidata do PP á Alcaldía de Rábade tal e como o aprobou a xunta xestora do PP local. González Cabarcos xa encabezara a lista nas pasadas eleccións municipais do 2019 e nas do 2015, onde as súas candidatura foron a máis votada por enriba da do actual rexedor que pactou cos socialistas para gobernar á Alcaldía.

A candidata popular foi presentada pola tarde no centro sociocultural do municipio nun acto que contou coa presenza do secretario xeral do partido, Javier Vázquez Nodal, o coordinador xeral, José Manuel Balseiro, o senador do PP pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, alcaldes e deputados provinciais da zona; ademais de afiliados e simpatizantes que a arrouparon á candidata que ten o reto de lograr a Alcaldía rabadense.

Desde a dirección provincial destacan que o Partido Popular aspira a recuperar a Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. O coordinador xeral destaca que “nas últimas eleccións municipais obtivemos uns magníficos resultados quedándonos a poucos votos da maioría absoluta e por iso, cremos que temos unha oportunidade para volver a gobernar”.

Balseiro asegura que o concello, a pesar de ser uns dos máis próximos á cidade de Lugo “non termina de despegar como debería”. Ademais, resalta que “nos últimos anos perdéronse moitos servizos froito dunha nefasta xestión desde o goberno local”.

González Cabarcos, mestra e directora no colexio de Rábade, encabeza de novo a lista popular “con ilusión ,compromiso e responsabilidade” e co obxectivo de facer un proxecto de futuro para reconducir a xestión do concello “que nos últimos anos non vai polo camiño correcto”.

Neste sentido a candidata afirma que desde o grupo popular “haberá un compromiso de traballo e un inmenso esforzo por facer de Rábade unha referencia provincial en todos os sectores xa que ten o potencial para selo.”. Entre a multitude de ideas do proxecto da actual voceira do Grupo Municipal Popular de Rábade está a de investir en chan industrial “para atraer empresas e fomentar o emprego entre os veciños para evitar o éxodo a outras cidades”.

CURRÍCULO

Remedios González Cabarcos é pedagoga e actualmente dirixe o CEIP Otero Pedrayo de Rábade tras unha traxectoria de 30 anos como docente e 16 como directora de centros educativos. Especialista en Educación Musical e Experta Universitaria en Tecnoloxías para a Educación e o Coñecemento (Informática Educativa e Internet, Aplicacións Didácticas) coordinadora e participa como relatora en diversos cursos e foros educativos.