Skip to main content
Vilalba

Antoine Chao vén de ser nombrado presidente de honra de Amigos de Prisciliano

Por 11 Febreiro, 2023Sin comentarios

A xunta directiva da Asociación Cultural Amigos de Prisciliano, reunida o pasado día 7 en Compostela, acordou por unanimidade o nomeamento de Antoine Chao Ortega coma presidente de honra desta entidade sen ánimo de lucro. A proposta do presidente actual, o xornalista Moncho Paz, os socios fundadores tomaron a decisión de facer pública esta designación con data 13 de febreiro, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio, medio onde o seu promotor (Ramón Luis Chao Rego) desenvolveu a maior parte da súa traxectoria profesional.

Coma o seu pai, Antoine Chao Ortega (París, 1963) é xornalista e músico. Estudou Física na Universidade Paris-Diderot, onde obtivo un Máster en Historia e Filosofía das Ciencias. Fillo do vilalbés Ramón Chao e da científica bilbaína Felisa Ortega, é o irmán menor de Manu Chao, con quen comezou no mundo da música. Foi fundador das bandas de punk-rock Chihuahua, Hot Pants, Los Carayos e Mano Negra.

En 1995 participou na creación de Frecuencias Efémeras, plataforma de produción radiofónica que promove radios nómadas e temporais en festivais musicais independentes. En 2014, foi o artífice da creación sonora de Le tireur occidental, obra de William Pellier, posta en escena por Michèle Coquet e estreada no teatro Lucernaire de Paris. Así mesmo, encargouse da realización do programa de Daniel Mermet Là-bas se j’e suis en Radio France International, onde traballa actualmente como reporteiro cultural. Tamén destaca como locutor e programador musical de Radio Latina e cada semana presenta o espazo de jazz Cubano-be cubano-bop.

Antoine Chao, Moncho Paz e Amigos de Prisciliano participan no documental “O camiño de Prisciliano. Tralas pegadas de Ramón Chao”, dirixido por Aser Álvarez González e producido por Arraianos. A estrea desta peza audiovisual terá lugar o vindeiro mes de maio, coincidindo co quinto cabodano do pasamento de Ramón Chao. O acto terá lugar no Instituto Cervantes de París, e a data oficial será dada a coñecer nas vindeiras semanas.