Skip to main content
AMARIÑAXAPublirreportaje AMARIÑAXA

Viveiro recibiu da Deputación máis de 4 millóns para investir en obras, servizos e promoción turística

Por 24 Marzo, 2023Abril 4th, 2023Sin comentarios

A maior parte dos fondos que a institución provincial inxectou neste concello da Mariña foi para apoiar iniciativas de impulso do territorio, para reforzar as políticas sociais, o tecido asociativo ou dotar ao municipio de máis e mellores infraestruturas.

A Deputación de Lugo destinou ao concello de Viveiro máis de 4 millóns de euros desde o ano 2019 para mellorar os servizos públicos dos veciños e veciñas deste municipio.

Boa parte do orzamento da institución provincial dedicado a este concello foi destinado a apoiar iniciativas de promoción turística, para reforzar as súas políticas sociais e para dotar á cidade do Landro de máis e mellores infraestruturas.

Máis e mellores infraestruturas

Dotar a Viveiro de máis e mellores infraestruturas foi unha das accións prioritarias do Concello en colaboración coa Deputación.

Con cargo a fondos da institución provincial, foi posible realizar actuacións tan importantes como a substitución do pavimento deportivo no pavillón municipal, os traballos de reparación do muro de contención do cemiterio de Altamira ou o proxecto que solucionou os problemas estruturais que presentaba unha parte do paseo marítimo.

A institución provincial tamén colaborou a través do Plan Único co arranxo de vías municipais en lugares como O Pousadoiro, O Paraíso ou O Brieiro, onde tamén se acometeu unha ampliación do saneamento.

A Deputación financiou así mesmo a mellora de tres estradas provinciais que dan servizo á veciñanza de Viveiro. En concreto, acondicionou a LU-P-6601, que  conecta A Misericordia coa Silvarosa; a LU-P-6611, que vai da parroquia de Magazos a Fontecoba; e a LU-P-6613, que é a que une o cemiterio coa igrexa de San Roque.

Unha aposta clara que comparten ambas administracións, de vital importancia para garantir o benestar das persoas maiores, é o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

O Goberno local tamén destinou recursos procedentes da institución provincial á protección dos veciños e das veciñas do municipio coa adquisición de material de prevención sanitaria e loita contra a Covid-19.

Políticas sociais, un sinal de identidade

A Deputación achegou estes anos máis de 800.000€ a reforzar as políticas sociais en Viveiro. Unha aposta clara que comparten ambas administracións, pois cos fondos da Deputación, o Concello financia o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que é de vital importancia para garantir o benestar das persoas maiores do municipio, para que poidan recibir atencións no seu domicilio e tamén é fundamental para facilitar a conciliación familiar. Con cargo a fondos provinciais, o Concello tamén colaborou economicamente estes anos con asociacións cunha fonda labor social como ASPANANE, de pais e nais de persoas con discapacidade intelectual, ou con AFA, de familiares de enfermos de alzhéimer.

Centro ocupacional

Ademais, o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou coa Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta ao Concello o 90% do financiamento necesario -preto de 45.000€-, para acometer as melloras necesarias no exterior do Centro Ocupacional do municipio mariñán, xestionado por ASPANANE, unha asociación que atende a 44 persoas con discapacidade intelectual e as súas familias e desenvolve unha labor social moi importante na comarca.  O Concello achegará pola súa banda os 5.000€ restantes para completar o orzamento necesario para acometer as obras, que ascende, desta forma, a un total de 50.000€.

Parte importante dos fondos que a Deputación investiu en Viveiro, medio millón de euros, foron destinados polo Concello a axudar a comerciantes e hostaleiros a paliar os efectos económicos da crise derivada da pandemia. O Goberno local tamén destinou recursos procedentes da institución provincial á protección dos veciños e das veciñas do municipio coa adquisición de material de prevención sanitaria e loita contra a Covid-19.

Emprego

Preto de 100.000€ da Deputación foron destinados no concello de Viveiro ao mantemento do emprego. Deste xeito, o Concello mariñán puido facer 7 contratacións para desempeñar as tarefas de socorrista, informático, electricista, pintor e administrativo, reforzando así o cadro de persoal municipal durante estes últimos anos.

Resurrection Fest, no mapa do rock mundial

Entre as actuacións de promoción turística que a Deputación de Lugo financia en Viveiro, destaca o Resurrection Fest. Unha aposta por este festival de rock duro como un importante revulsivo económico para a provincia que atrae cada ano a milleiros de visitantes e que chegou a converterse en todo un referente internacional.

A institución provincial tamén apoia outras iniciativas importantes en Viveiro relacionadas co turismo, como o Belén Xigante, a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro, ou o Mercado Renacentista.

Ano tras ano, a institución provincial foi reforzando o seu compromiso coa Semana Santa de Viveiro, que conta desde o ano 2013 co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional.

En concreto, a Deputación financia a instalación dunha carpa museo, antesala desta festividade relixiosa, na que viveirenses e visitantes poden desfrutar da exposición de nove pasos.

A Semana Santa é unha tradición relixiosa conservada nesta cidade dende hai nove séculos, que, co traballo dos veciños e veciñas, o coidado das confrarías e as irmandades, e o apoio do Concello e de institucións como a Deputación se ten convertido nun acontecemento de resonancia internacional que promociona Viveiro, A Mariña e a provincia de Lugo, supoñendo un impacto enormemente positivo para a actividade económica e para o sector do turismo, a hostalería e o comercio do municipio e tamén da comarca.

Ademais, a Deputación achega fondos ao Concello para a celebración de festas como o Nadal, o Entroido, Os Maios, a Romaría do Naseiro ou a Rapa das Bestas de Candaoso.

Apoio ao tecido asociativo

Axudar a fortalecer o tecido asociativo foi outra das prioridades da Deputación en Viveiro. Entidades culturais como o Centro Comercial do Casco Histórico, a Asociación Cultural Proa, os comerciantes Beiras, Mariña Patrimonio ou o Seminario de Estudos Terra de Viveiro recibiron estes anos achegas da institución provincial para a realización de exposicións, eventos ou visitas guiadas.

No ámbito deportivo a Deputación financiou eventos deportivos como regatas, torneos de ximnasia rítmica, de baloncesto, probas de atletismo ou mesmo unha proba do circuíto galego de surf. Tamén achegou fondos para sufragar a actividade diaria dos diferentes clubs.