Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A subdelegada do Goberno anima á mocidade a solicitar o Bono Cultural Xove

Por 15 Marzo, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou no Valadouro aos establecementos e empresas culturais da provincia a adherirse ao Bono Cultural Xove, o programa do Ministerio de Cultura que ofrece unha axuda directa de 400 euros aos mozos e mozas de 18 anos para adquirir e desfrutar de produtos e actividades culturais. “Esta iniciativa supón unha inxección económica de máis de 450.000 euros para o sector cultural da provincia, do que xa se beneficiaron 1.139 lucenses, favorecendo o consumo cultural entre os máis novos e contribuíndo á recuperación dun sector tan importante como o das industrias culturais”, remarcou a subdelegada.

Isabel Rodríguez visitou esta mañá, acompañada do alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, o establecemento Ferreira, unha das empresas que participan no programa do Goberno. Alí, intercambiou coa xerente do local, Rosa María Pérez, as impresións de como está a funcionar esta primeira edición do programa e destacou que o Bono Cultural Xove “dinamiza comercios de proximidade coma este, no rural da provincia”.

O Bono Cultural Xove funciona exclusivamente naquelas empresas, comercios e entidades culturais que previamente solicitasen a súa adhesión ao programa. “Todo o tecido cultural da provincia, tanto público como privado, está convidado a sumarse ao programa, desde teatros, festivais e salas de cine, pasando por museos, librerías ou tendas de música”, informou a subdelegada. Ata o momento, as compras en comercios especializados distribuíronse, principalmente, entre cine, videoxogos, espectáculos e libros.

Neste senso, todas as entidades interesadas en vender os seus produtos e servizos aos portadores desta tarxeta poden tramitar a súa adhesión ao programa a través da páxina web www.bonoculturajoven.gob.es.

Unha vez concedida a axuda, os mozos dispoñen dun ano para gastar os 400 euros. O Bono Cultura Xove funciona cunha tarxeta de prepago que emite Correos e que o beneficiario pode ter de forma virtual no seu móbil ou de forma física. Neste caso, pode recollerse en calquera oficina postal de España. Con esa tarxeta poderase gozar de experiencias e produtos culturais. O deseño do Bono, dividido en tres tramos, favorece diversificar o investimento, coa seguinte distribución:

– 100 euros para produtos físicos, por exemplo, libros, prensa ou discos.

– 100 euros para produtos dixitais: prensa dixital, podcast, videoxogos en liña.

– 200 euros para artes escénicas: teatro, ópera, cinema, danza, museos.

Bono Cultural 2023

O Ministerio de Cultura xa comezou a traballar na segunda convocatoria do Bono Cultural Xove, que se abrirá nos próximos meses, e na que investirá 210 millóns de euros. Para este 2023 se tivo en conta a experiencia do primeiro ano, de forma que se optimice o sistema de solicitude e tramitación, da que se poderán beneficiar as persoas nadas en 2005. Ao respecto, Isabel Rodríguez avanzou que todas aquelas empresas que xa forman parte do Bono Cultural Xoven poderán seguir ofrecendo os seus servizos ou produtos sen necesidade de realizar trámite algún.