Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O BNG exixe ao Goberno do Estado rexeitar a implantación de eólica mariña

Por 16 Marzo, 2023Marzo 17th, 2023Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego avanza unha ofensiva institucional no Congreso para conseguir a retirada do Plan de Ordenación do Espazo Mariño que afecta á Galiza, aprobada polo Goberno do Estado, e impedir a instalación de parques de eólica mariña na costa galega. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, rexistra a solicitude de comparecencia de altos cargos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, así como do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que “dean a cara” e expliquen os motivos polos que se sitúan do lado do oligopolio eléctrico, en detrimento dos intereses da frota pesqueira galega.

No concreto, a frente nacionalista rexistra a solicitude de comparecencia da Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera. Dentro da equipa do MITECO, tamén reclaman a comparecencia no Congreso da Secretaria de Estado de Enerxía, Sara Aagesen Muñoz; o Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán Fernández; así como da Directora Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Marta Gómez, e a Directora Xeral da Costa e o mar, Ana María Oroño Valenciano.

Ademais, a organización nacionalista tamén demanda a comparecencia do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e outros membros do organigrama do MAPA como a Secretaria Xeral de Pesca, María Isabel Artime García, a Directora Xeral de Pesca Sustentable, Mónica Corrales Rodrigáñez, e o Director Xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Juan Ignacio Gandarias Serrano.

Alén do máis, tamén rexistran unha copia dos informes e estudos que realizou o Goberno do Estado sobre o impacto que suporá a implantación da eólica mariña, tanto nos ecosistemas mariños como para a actividade pesqueira. “O propio Parlamento Europeo aprobou unha resolución en que requiría aos estados membro adoptar decisións a respecto da implantación das enerxías eólicas, tamén a mariña, con informes previos” lembra o deputado do BNG.

Retirada do POEM que afecta á Galicia

“O Goberno debe explicar os motivos polos que se está situando do lado do oligopolio eléctrico e non está a defender os intereses da frota pesqueira galega, unha das frotas con maior peso na actividade pesqueira do Estado e do conxunto de Europa” sinala Rego. Neste sentido, a organización nacionalista reclama retirar o Plan de Ordenación do Espazo Mariño que afecta á Galiza, onde o Goberno do Estado pretende instalar case 50% da potencia de eólica mariña do conxunto do litoral estatal.

“A posible implantación de eólica mariña suporía a destrución de máis de 60.000 postos de traballo directos no sector do mar” alerta o deputado do BNG no Congreso. Un sector, explica Rego, estratéxico e con gran peso no desenvolvemento socioeconómico da Galiza representando 2% do PIB do País que, sumado a outras actividades do sector do mar, supón case 5% do PIB galego.

Segundo reitera Rego, o BNG non permitirá esta ameaza e, comprométense a traballar para que o Goberno retire o POEM que afecta á Galiza e non poña en marcha ningún parque de eólica mariña na costa galega. “Estámolo a facer nas institucións -con numerosas iniciativas no Parlamento de Galiza, o Congreso e o propio Parlamento Europeo- e mesmo na rúa, apoiando o sector nas mobilizacións convocadas como a deste sábado para exixir unha rectificación do MITECO” salienta.