Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Os concellos da mariña celebraron onte o Día da árbore plantando diferentes especies

Por 22 Marzo, 2023Sin comentarios

Os concellos da mariña celebraron onte o Día da árbore plantando diferentes especies. No caso de Burela, as monitoras de Gaia explicaron que “plantamos diferentes especies con varios centros educativos e colectivos. Participaron o CEIP Virxe do Carme, o CEIP Vista Alegre, a escola infantil do Vista Alegre, a escola infantil de Os Castros, a Fundación Eu Son e a asociación Saúde Mental da Mariña”.

Desde Gaia indicaron que “cos dous CEIP, con Eu Son e con Saúde Mental A Mariña fixemos o xogo Adiviña que árbore é, no que durante catro días damos pistas e teñen que adiviñar de que árbore se trata. Os gañadores son os encargados de plantar unha árbore, un arbusto, unhas plantas ou sementes, segundo o que nos pedirán no seu centro”.

E engadiron que “no caso das escolas infantís facemos plantacións con persoal de Xardinería do Concello e os nenos e as nenas axudan a botar a terra e abono e a regar, e explicámoslles como teñen que coidar o que plantamos”.

O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, conmemorou o Día da árbore programando diferentes actividades nas que involucrou á comunidade educativa, en concreto ao alumando de infantil e primaria dos dous centros da localidade, o CEIP de Cervo e o CEIP Península da Paz.

As actividades desenvolvéronse durante a mañá deste martes e mércores e consistiron na plantación de árbores autóctonas en parcelas municipais e na creación de espazos dedicados á permacultura nun terreo anexo ao centro –no caso do CEIP de Cervo- e no propio recinto escolar, no caso do CEIP Península da Paz, coa plantación de froiteiras ananas, como frambuesas ou arandos, e plantas aromáticas (tomiño, romeiro, lavanda…) “que fan unha función polinizadora importantísima e contribúen a reducir a pegada do carbono”, apuntou Méndez.

As plantacións de árbores autóctonas (carballos, castiñeiros, acivros,bidueiros, pradairos..)tivo lugar no caso do CEIP de Cervo no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, na senda botánica, e no caso do alumnado do Ceip Península da Paz, nunha finca municipal en Cuíña.

En Sargadelos, os/as nenos/as tamén tiveron a oportunidade de ver in situ e tamén de experimentar como se realiza o control ecolóxico de especies invasoras, como a acacia presente na zona.

O Concello de Ribadeo celebrou o día xunto ao alumnado de 4º de Primaria do Ceip Gregorio Sanz. Fíxoo plantando un arce xaponés a carón do pavillón da rúa Alfredo Deaño. Xunto ás rapazas, rapaces, profesor e directora do colexio estivo o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, que os animou “a coidar o noso entorno natural, respectando as árbores, os ríos e o mar, porque os precisamos nas mellores condicións posibles”.