Skip to main content
CervoCultura AMARIÑAXA

Alfonso Villares: “Estamos dándolle moita forza a todo o que é Sargadelos”

Por 5 Marzo, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

É veterinario de profesión, foi concelleiro do PP en Cervo dende 1995 e nas eleccións municipais de 2007 foi elixido alcalde con maioría absoluta, como nas tres últimas eleccións municipais do 2011, 2015 e 2019.

Que balance fai deste mandato?

Neste mandato o que destaca é que podemos seguir mantendo o nivel de servizos públicos exercidos directamente dende a Administración. Eu creo que isto é un éxito pois somos un dos poucos concellos de Galicia que exerce directamente a maior parte dos servizos con traballadores públicos como son o SAF, a axuda de dependencia, a escola infantil, a piscina olímpica, a recollida de lixo, o servizo de augas, etc. É unha aposta por dar os servizos sen intermediarios con outras empresas.

Como se consegue isto?

Conséguese co compromiso de todos os traballadores e gracias a todos eles pódese manter esta boa maneira de facer nestes tempos de dificultade económica. Mantemos un equilibrio económico bastante estrito xa que non gastamos máis do que temos, nin endebedamos ao Concello de Cervo nin ás futuras corporacións.

“Os nosos proxectos son moi vivos, son flutuantes co día a día e coas necesidades dos veciños e o seu benestar”

Estiveron a facer melloras no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, xa fixeron o centro de emprendemento e fai pouco remataron o aparcadoiro.

Si. Estamos dándolle moita forza a todo o que é Sargadelos onde creamos un centro de emprendemento que se formulou para poñer a disposición dos autónomos e artesáns o edificio a moi baixo custe para que os puideran utilizar. É unha maneira de gañar todos, pois gaña a Administración por que se lle dá uso aos edificios, gañan eles porque poden ter un lugar de traballo accesible, e gañamos todos porque conseguimos que o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos estea cheo de vida. No relativo ao aparcamento, é outra boa medida pois está nun lugar que non ten impacto visual e así pódese deixar libre de vehículos todo a fronte do Conxunto Histórico e que se vexan e luzan as ‘caballerizas’ e as carboeiras. Soamente deixamos unha zona de tránsito peonil. Ademais estamos a preparar outro paseo peonil seguro dende a Cerámica de Sargadelos ata o Conxunto Histórico, cunha inversión importante de máis de 700.000 euros de fondos municipais, e que esperamos estea feita nas vindeiras semanas. Isto daralle outro salto de calidade a toda a zona.

Despois de moito pelexar e moitos anos, por fin a Atalaia será o primeiro Centro Arqueolóxico da Mariña.

Si, despois de moitos anos e moitos expedientes puidemos adquirir os dous solares dos esqueletos. Nesa zona construirase unha praza e o primeiro Centro Arqueolóxico da Mariña. Nun deles xa temos o proxecto co financiamento aprobado para a construción da praza. E no outro, que adquirimos en decembro 2022, farase en breves a demolición. Xa encargamos os traballos para o proxectos do Centro Arqueolóxico.

E no relativo ao Museo do Mar?

Nesta zona tamén mercamos as parcelas anexas ao Museo para a súa ampliación cunha moi grande inversión. O noso obxectivo é abrir unha nova ventá de San Cibrao ao mar e reforzar ese vínculo desta vila mariñeira, mantendo a estrutura da vivenda.

Tamén contarán coa futura unidade residencial da Asociación Saúde Mental A Mariña, situada na praza Souto.

Si. Esta Unidade Residencial é unha gran familia da que estamos moi orgullosos, é unha alegría que poñan en marcha este centro. Tiveron que facer unha serie de obras as que creo que xa deben estar rematando polo que nesta primavera podería estar funcionando. Fan un labor e un traballo inigualable.

Unha das liñas de traballo importante é a conciliación.

Si, cremos moito neste servizo. Levamos unha serie de anos onde apostamos dun xeito absoluto, e con isto quero dicir que non deixamos a ningún neno nin familia fóra, custe o que custe. Durante as épocas de ocio escolar contamos con este servizo e cun sen fin de actividades para os nenos para que desfruten.

E no relativo ao cultural?

Contamos tamén cunha serie de actividades e concertos en directo durante todo o ano xa que despois da pandemia decidimos apostar por elas para intentar volver á normalidade. Fixemos e seguiremos facendo actividades e concertos durante todo o ano en Cervo e en San Cibrao, onde para paliar o mal tempo do outono e o inverno colocamos unhas carpas.

Tamén apostan moito polo medio ambiente.

Si, é o noso futuro. Estamos facendo unha reforestación nos montes municipais con árbores autóctonas. Intentamos concienciar aos nosos veciños para que aposten por árbores froiteiras e autóctonos, e intentamos facer estas plantacións cos rapaces dos centros educativos porque eles son o noso futuro. Son proxectos a medio largo prazo para deixarlles ás xeracións vindeiras un legado baseado nos bosques autóctonos, non tan habituais a día de hoxe, e amosarlles que poden chegar a converterse, incluso, nun medio de vida no futuro.

O deporte é outro piar fundamental.

Claro. Xa contamos coa piscina olímpica de Lieiro e agora contaremos coas primeiras instalacións homologadas para a práctica do atletismo, gracias a un investimento de máis de 600.000 euros. É unha aposta para ser un referente no deporte. Todas estas instalacións deportivas están a disposición de todos os veciños de Cervo e da Mariña pois a práctica deportiva é moi importante dende cativos e na idade adulta.

Entón a relación Concello e asociación é moi importante.

Por suposto. Temos unha gran colaboración con todo o tecido asociativo do Concello para poñer a súa disposición e que poidan levar a cabo as súas ideas e proxectos. Somos unha Administración próxima para que fomenten os seus obxectivos. Nos axudamos economicamente coas infraestruturas e co persoal para que eles poidan facer e levar a cabo todo o que queiran.

Hai asentamento no polígono?

Hai un par de iniciativas no polígono para a construción dunha cetaria e unha empresa de cosmética. Nós, dende o Concello, estamos en contacto coas empresas e poñemos a súa disposición todo o necesario para axilizar e facer máis fácil este asentamento. Esperamos que frutifique malia agora tócanos esperar.

Quedaron proxectos no tinteiro?

No tinteiro non porque todo os nosos proxectos son moi vivos, son flutuantes co día a día e coas necesidades dos veciños e o seu benestar. A nosa maneira de pensar e traballar é a de seguir fiando e fiando na mellora dos servizos. Por exemplo seguimos apostando para que as vivendas do Concello teñan unha xestións dos residuos de saneamento público e intentamos achegalo a todas as parroquias, apostamos pola dotación de servizos no rural, tamén queda moito por facer no aspecto cultural, etc. Tamén estamos en marcha co proxecto do vieiro das Quintas no que se ampliará a calzada desa vía coa finalidade de que funcione como vía de circunvalación do núcleo urbano de Cervo, minimizando o tránsito de vehículos polo centro urbano e, especialmente, polo casco antigo do municipio.