Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Galicia defende a necesidade de crear unha fronte común forte a nivel europeo contra os plans de Bruxelas

Por 7 Marzo, 2023Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu a necesidade de crear unha fronte común forte a nivel europeo contra as pretensións de Bruxelas de restrinxir nos vindeiros anos determinadas artes de pesca en augas comunitarias como o arrastre e evitar así os efectos perniciosos que poden ter na frota decisións arbitrarias e inxustificadas como o veto á pesca de fondo aprobado o ano pasado. Nesta liña, salientou que España debe facer un intenso labor na busca de aliados noutros países con intereses pesqueiros para tratar de frear a posible posta en marcha de normativas por parte da Comisión Europea coas que executar os seus plans.

A titular de Mar explicou que esta é a posición de Galicia, que foi analizada no pleno do  Consello Galego de Pesca, ante o plan de acción presentado polo Executivo comunitario a finais de febreiro e que pretende vetar a pesca de fondo con artes móbiles -como o arrastre- nas áreas mariñas protexidas antes de 2030.

Neste sentido, a representante do Executivo galego salientou que calquera medida deste calado debe contar cos correspondentes informes biolóxicos e socioeconómicos de impacto para garantir a sustentabilidade dos recursos mariños e tamén dos pescadores.

Precisamente, o Consello Galego de Pesca analizou unha nota xurídica elaborada pola Fundación MarInnLeg que indica que as comunicacións emitidas por Bruxelas o pasado 21 de febreiro para mellorar a sustentabilidade e a resiliencia do sector da pesca e acuicultura -con consideracións sobre a Política Pesqueira Común, a descarbonización ou prácticas de pesca sustentables- non teñen rango normativo, polo que aínda terán que plasmarse nun desenvolvemento lexislativo posterior.

Non obstante, subliñou Rosa Quintana, o estudo preliminar elaborado sobre esas directrices lanzadas polo Executivo comunitario indica que contan con numerosas eivas como que non se pode considerar que a eliminación de artes como o arrastre nas áreas mariñas protexidas sexa gradual cando se establece que ten que ser, a máis tardar, en 2030 e con certas restricións xa desde 2024.

Os xuristas da Fundación MarInnLeg advirten de que semella que nestas propostas non se tivo en conta que os investimentos en buques de pesca son cuantiosos e que as súas amortizacións requiren de prazos amplos, polo que estas limitacións inminentes supoñen un importante prexuízo para as empresas do sector.

A conselleira lamentou tamén medidas sen sentido como que Bruxelas propoña a descarbonización da frota buscando medios de propulsión alternativos aos combustibles fósiles, pero non ofreza apoios financeiros adicionais aos ordinarios para proceder á transformación e adaptacións dos buques, un xeito de actuar que cualificou de pouco serio.

A maiores, incidiu que das comunicacións emitidas pola Comisión Europea se conclúe que non ten previsto modificar a Política Pesqueira Común malia que hai múltiples retos que sería necesario abordar -como a remuda xeracional, a obriga de desembarque ou a igualdade de condicións entre as distintas frotas, entre outras cuestións- e ás que Galicia entende que a política actual non dá resposta.

Eólica mariña

O pleno do Consello Galego de Pesca tamén analizou os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) presentados a semana pasada polo Goberno central para o desenvolvemento da eólica mariña. Neste sentido, a titular de Mar lamentou que esta planificación carecese no seu deseño do necesario diálogo coas comunidades autónomas e cos sectores implicados e que non garanta convenientemente a compatibilidade da implantación desta industria coa actividade pesqueira e a preservación do ecosistema.

Rosa Quintana subliñou que o Goberno central ten en Galicia un exemplo de como se deben facer as cousas pois xa cando se comezou a falar da planificación desta actividade no mar se constituíu o Observatorio da eólica mariña, onde están representados o sector pesqueiro, a industria enerxética e a Administración para chegar a consensos.

Nesta liña, incidiu na necesidade de corrixir as eivas coas que naceron os POEM, pois xeran inseguridade e incertezas e non garanten suficientemente a compatibilidade entre o desenvolvemento eólico e a actividade marítimo-pesqueira.