Skip to main content
Alfoz

O PP de Alfoz critica o “desmantelamento da área do Castelo e o abandono das pistas das parroquias”

Por 23 Marzo, 2023Sin comentarios

O PP de Alfoz comparte as queixas dos veciños e veciñas sobre o “desmantelamento da área do Castelo e do abandono das pistas das parroquias e dos accesos a algúns barrios” do municipio por parte do goberno local socialista. E, polo tanto, o grupo municipal popular solicitará ante a corporación local durante o pleno do vindeiro venres a realización de varias obras e a corrección dalgunhas actuacións.

Concretamente, os populares piden ao goberno local que “non retire do entorno do Castelo de Castrodouro as mesas de pedra para substituílas por outras de madeira tratada; senón que as limpe e acondicione para conservalas en consonancia co entorno”. Os populares consideran “unha burla aos veciños” sacar as mesas de pedra para recolocalas no entorno da Cruz da Pedra porque “se non valen para un sitio, como argumenta o goberno local, tampouco valerían para outro”. Así mesmo, propoñen colocar as novas mesas para picnic no entorno da Cruz da Pedra e notificar esta modificación á administración á que se solicitou a subvención para a actuación co fin de certificar correctamente as melloras realizadas.

Por outra banda, os populares advirten de que “un camiño situado nos terreos do monte do Pereiro constan no inventario de camiños públicos do Concello de Alfoz”. É por iso polo que instan ao goberno local a “corrixir de forma inmediata, seguindo os trámites oportunos, o inventario de bens e dereitos do Concello excluíndo o camiño que se recolle co número 48 por ser de titularidade privada dos veciños e veciñas do Pereiro”.

ABANDONO DAS PISTAS DAS PARROQUIAS

O PP de Alfoz insta tamén ao goberno local a declarar de emerxencia e proceder de inmediato á reparación da vía municipal que da acceso ao barrio da Pena do Golpe, na parroquia do Pereiro, que leva varios meses cortada debido a un burato no cruce polo afundimento dos tubos de canalización da auga. De feito, “xa debería estar arranxado; pero este equipo de goberno tennos acostumados a ter que esperar moito tempo para arranxar este tipo de circunstancias nas vías de comunicación do noso concello, como pasou en Guilifonso”.

Os populares explican que “este suceso obriga aos veciños a dar un rodeo e non ter un acceso pavimentado ás súas vivendas” e lamentan que “o goberno local só procedeu á colocación de vallas sen ningún outro tipo de sinalización de advertencia; o que supón un perigo para os viandantes e condutores”. É por iso polo que “tamén consideramos necesario estar debidamente sinalizado mentres non se realizan os traballos de reparación”.

Igualmente, urxen a arranxar o tramo afectado por un desprendemento na pista de acceso ao barrio de Presaboa, en Adelán; e, mentres non sexa reparada a zona, a “sinalizar debidamente o lugar debido á súa perigosidade”.