Skip to main content
AlfozO Valadouro

A subdelegada do Goberno comprométese coa transformación dixital en Alfoz e O Valadouro

Por 27 Marzo, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, resaltou o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez cos transformación dixital, garantindo o 100% de cobertura de acceso a internet de alta velocidade na provincia de Lugo. Isabel Rodríguez desprazouse esta mañá ata a Mariña onde visitou os concellos do Valadouro e Alfoz, presentes nas dúas convocatorias do Programa UNICO-Banda Ancha, que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital con 22,5 millóns do Plan de Recuperación para a provincia de Lugo, achegando conexión de banda ancha con velocidade ultrarrápida a 1.800 familias e empresas dos dous municipios mariñáns.

En ambas localidades, a subdelegada reuniuse cos seus alcaldes, Edmundo Maseda e Jorge Val, para informarlles, ademais, sobre os programas dispoñibles do Goberno en materia de vivenda, transición ecolóxica e administración pública, e coñecer, ao mesmo tempo, as súas demandas e inquedanzas.

“Co Programa UNICO-Banda Ancha atallamos a fenda dixital que afecta, sobre todo, ao medio rural, e así loitamos contra o despoboamento dos municipios, facilitando o acceso á banda ancha de internet aos veciños e veciñas que viven en Concellos como os do Valadouro e Alfoz”, incidiu Isabel Rodríguez.

No caso da provincia de Lugo, ao igual que Galicia, os fogares e empresas beneficiados desta iniciativa atópanse en ‘zonas brancas’, aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos. “Con este plan asegurámonos de que O Valadouro e Alfoz conten con conectividade de máis de 300 megas na practica totalidade do territorio, en 500 zonas que a día de hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, fundamental no mundo actual”, manifestou Isabel Rodríguez.

Concretamente, no Concello do Valadouro, o Programa UNICO dixitalizará 260 zonas onde actualmente non existe este tipo de conexión e onde se localizan 1.022 familias e empresas. No caso de Alfoz, executaranse 240 proxectos de conexión para levar este servizo a 767 vivendas e empresas deste Concello.

“Para garantir a supervivencia dos municipios máis pequenos e loitar contra o despoboamento dende as administracións temos que comprometernos coa conectividade dixital e o acceso a internet de alta velocidade en todo o territorio” resaltou a subdelegada. Nesta liña, lembrou que entre as dúas convocatorias deste Plan, o Goberno de Pedro Sánchez levará a tecnoloxía de conexión de alta velocidade a máis de 32.700 vivendas e empresas da provincia.

Plan Demanda Rural

Isabel Rodríguez informou aos dous rexedores que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital acaba de aprobar o UNICO Demanda Rural,  o programa co que o Goberno garante a extensión de banda ancha vía satélite en todas as zonas rurais. Para iso, adxudicou de maneira provisional á empresa Hispasat despregar mediante tecnoloxía satelital as infraestruturas necesarias para prover de conectividade ultrarrápida ás zonas de toda España nas que non hai cobertura con tecnoloxía fixa a un mínimo de 50 Mbps e proporcionará un servizo alcanzable de polo menos 100 Mbps ata o 31 de decembro de 2027, a un prezo fixo de 35 euros mensuais para o usuario final.

Esta actuación forma parte do Plan Único, financiado con cargo ao Plan de Recuperación, e conta con orzamento tanto para a configuración do servizo como para sufragar o custo da alta do usuario final.